A CHMS tala árbores "con risco de caída" no Malecón de Sarria
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) vén de iniciar a tala de árbores secas "con risco de caída" no paseo do Malecón de Sarria. Desde o organismo de conca, que leva a cabo estes traballos a petición do propio Concello, aseguran que a actuación se limita a aqueles exemplares que están enfermos ou que supoñen un perigo, tanto pola súa inclinación como porque teñen á vista as raíces por mor da erosión da auga.
Sexa como sexa, a tala das árbores está a xerar un intenso debate nas redes sociais, onde se enfrontan as opinións de persoas que entenden e xustifican os motivos dos traballos con outras que aprecian un ataque ambiental innecesario.
Os traballos da CHMS comezaban este luns na illa do Toleiro, o mesmo lugar no que en 2014 se rexistraba unha intensa protesta cidadá, con encadeamento ás árbores incluído, para evitar a eliminación dos exemplares que se prevía levar a cabo ao abeiro do plan de encauzamento.
Desde o Concello de Sarria, que ten a competencia en conservación do dominio público hidráulico e que para a actual tala solicitou a colaboración da CHMS, insisten en xustificar a necesidade desta actuación. Din que xa estaba prevista desde fai tempo e que, onde sexa preciso, se fará unha repoboación con exemplares propios de ribeira.