A CIG pide ao goberno local de Sarria e aos grupos políticos municipais que aproben a RPT da residencia
A Confederación Intersindical Galega (CIG) solicita ao goberno do Concello de Sarria así como aos demais partidos políticos municipais que se axilicen os trámites para aprobar a Relación de Postos de Traballo (RPT) da Residencia Nosa Señora do Carme de Sarria para "que se poidan afrontar as modificacións aprobadas".
Así, desde o sindicato defenden que no mes de maio foi aprobada na mesa xeral de negociación a proposta de RPT para a residencia, "unha proposta que supón un avance na organización do traballo e unha mellora das condicións laborais e económicas do persoal da residencia".
Constituído o novo goberno xa hai un mes, desde a CIG entenden que "debe axilizarse ao máximo os trámites para proceder á aprobación da RPT da residencia e que os grupos políticos a aproben en pleno porque deben valorar a importancia do acordo unánime logrado na mesa xeral de negociación".
Por último, esperan que a aprobación da RPT "supoña un cambio dentro da organización e relacións laborais na residencia que permitan unha mellora considerable na calidade do servizo e que permita acabar coa conflitividade constante que sobre este organismo houbo nos últimos anos".