A Confederación mellora o estado de varios ríos do interior da provincia
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, mellora o estado dos corredores fluviais de varios ríos lucenses para frear a perda de biodiversidade mediante restauración con especies de hábitat prioritario, a través dun investimento que supera os 20.000 euros.
Plantáronse máis de 5.200 árbores de ribeira en zonas desprovistas de arborado, en tramos da ribeira con ocos xerados pola eliminación de árbores mortas ou con risco de caída, en tramos de varios ríos que na súa totalidade suman 20 km.
Os traballos realizáronse na provincia de Lugo, nos ríos Chamoso, Neira e Tordea no municipio do Corgo; no río Neira nos concellos de Láncara e Páramo; e no río Miño ao seu paso pola Pastoriza e Castro de Rei.
Principalmente repoboouse con estaquilla de salgueiro da zona, pero tamén outras especies como arce, bidueiro e freixo.
Estes traballos complementan as actuacións de mellora da capacidade hidráulica dos ríos, incluídos na conservación e restauración de canles, que suporá un investimento en 2022 para a provincia de Lugo de máis de 1 millón de euros.