A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, puxo en valor o Plan Marco en Sarria

SarriaXa
Concretamente, o municipio de Sarria dispón dunha axuda de máis de 95.000 euros para executar labores ligados ao Plan Marco
Sarria_Plan-Marco-Xunta
21 Ago 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou a localidade de Sarria e salientou alí as actuacións contempladas ao abeiro do Plan de mellora de camiños rurais, coñecido como Plan Marco, na convocatoria actual 2024-2025.

Neste contexto, a comarca de Sarria recibe en total máis de 700.000 euros neste período para facilitar o acceso ás pistas, tanto baixo esta iniciativa, preto de 500.000 euros, coma no marco do Plan de rehabilitación de camiños de zonas de concentración ou reestruturación parcelaria finalizadas, máis de 200.000 euros.

Concretamente, o municipio de Sarria dispón dunha axuda de máis de 95.000 euros para executar labores ligados ao Plan Marco, un plan que, para toda Galicia, conta cun orzamento de 19,5 millóns de euros, a cantidade máis alta dende 2017. Beneficiaranse así 583 camiños e máis de 460 quilómetros en diferentes concellos galegos.

A maiores, por primeira vez compleméntase co Plan de rehabilitación de camiños de zonas de concentración ou reestruturación parcelaria finalizadas, dotado con 6 millóns de euros para toda a Comunidade. De feito, nesta liña de axudas o Concello de Sarria recibiu máis de 130.000 euros para mellorar os accesos a Maside e a Santiago da Veiga.

A conselleira salientou a utilidade do Plan Marco para “dignificar, aínda máis se cabe, a calidade de vida no rural e as condicións de vida dos veciños”, xa que contempla como subvencionables camiños de acceso a núcleos rurais de poboación e cualificouno “de vital importancia” para os municipios, especialmente para aqueles con maior carga gandeira.

O obxectivo do Plan de mellora de camiños rurais, vixente desde 2013 e cuxo financiamento actual provén dos fondos Feader con cargo ao Plan Estratéxico da PAC 2023-2027, é apostar polo benestar da poboación do rural a través do fortalecemento das infraestruturas, que facilita a accesibilidade e vertebración do territorio, reforza o tecido social, contribúe a mellorar a capacidade organizativa das áreas rurais, dinamiza o tecido produtivo e fixa a poboación.

Nesta liña, estas axudas promoven a implantación e reforzo dos servizos neste ámbito e fomentan o bo tránsito de vehículos e maquinaria, que redunda nunha maior axilidade dos traballos agrarios e no mantemento, tamén, da propia maquinaria.

Ademais, durante o período 2016-2024, o Plan Marco contou cunha dotación orzamentaria de máis de 130 millóns de euros, permitindo a mellora de máis de 5.450 camiños e máis de 4.280 quilómetros de vías rurais.

María José Gómez destacou que dende a Consellería seguen a reforzar esta iniciativa pola súa utilidade e defendeu a medida que “mellora as dotacións existentes de infraestruturas básicas e enmárcase no compromiso de promoción e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego”.

0.14960098266602