A construción do anfiteatro do Páramo está a piques de iniciarse
O inicio das obras do anfiteatro no penedo do campo da feira están a piques de comezar. Así o comunicou o alcalde, José Luís López, que tamén sinalou que a empresa adxudicada -Cholo SL- xa viñera medir e que xa tería que ter empezado "queríamola iniciar canto antes e, en principio, neste mes ou como moi tarde no seguinte, comezarán cos traballos".
Unha das finalidades deste proxecto é poñer en valor a zona dende un punto de vista xeolóxico e turístico. A instalación situarase diante do centro de saúde da localidade e a coñecida como casa do médico, onde se sitúa a gran rocha, en forma de media lúa, que se aproveitará para crear o anfiteatro. Así mesmo, será o primeiro anfiteatro de Galicia tallado nunha pedra viva con máis de 200 millóns de anos de antigüidade.
Ademais, o obxectivo é destinar o novo espazo a actividades culturais e mesmo servir de complemento a actividades infantís.
Por outra banda, continúan as obras nas estradas. Na pista que sae do campo da feira ata Villasante os traballos xa se remataron e consistiron nun asfaltado en quente. Así pois, outras que se van amañar proximamente serán: a pista que vai de San Vicente a Teiquesoi, unha pista en Villaeiriz, outra en Friolfe, outra na igrexa de Grallas e un camiño no agro; todas elas pertencentes ao Plan Único do ano pasado.