A continua procura por divulgar e conservar tradicións da nosa terra

SarriaXa
Sarria es una villa donde siempre destaco la actividad cultural del baile y de la música tradicional gallega.
peleriños sarria 3
5 Dec 2021

Sarria conta cunha forte vinculación coa música e cultura autóctona a través dun grupo de asociacións de fonda tradición

Sarria é unha vila na que sempre destacou a actividade cultural, especialmente, do baile e da música tradicional de Galicia. Son moitas as asociacións que existen e que continúan perdurando no tempo a través de actividades e de festexos tradicionais que se celebran. Sen embargo e, a pesares de que seguen participando un número importante de persoas e de que continúan coa actividade, os costumes e os pasatempos cambian co paso dos anos e algunhas destas asociacións culturais son menos relevantes ca o eran anteriormente.

Certo é que outras, foron evolucionando positivamente e crecendo co paso dos anos, chegando a ter unha gran cantidade de participantes e realizando numerosas actividades e eventos. Ademais, a pesar da situación sanitaria de pandemia e das restricións realizadas, todas as asociacións de divulgación de tradición galega continúan activas e están a retomar a normalidade paseniñamente.

Así pois, o crecemento destas sociedades é unha cuestión que pode vir dada pola pequena variación en canto a poboación que sufriu Sarria. A diferencia do rural galego e de moitos concellos nos que a poboación baixou dunha forma especialmente rápida, Sarria, segundo o Instituto Nacional de Estatística, mantivo os seus números e, de feito, aumentou en relación á poboación rexistrada no ano 1996 -en algo máis de 300 persoas-.

Non poden dicir o mesmo os concellos da súa contorna coma Triacastela, O Páramo, Láncara, dos que a súa poboación baixou, aínda que en menor medida que en Paradela -onde baixou en algo máis de 1.000 persoas en relación a 1996-, en Samos -que baixou sobre 1.000 persoas respecto a 1996- ou no Incio, onde se rexistraron 1.200 persoas menos ca en 1996.

Así pois, nesas zonas a caída de asociacións e eventos culturais sobre a tradición e cultura galega foi importante xa que poucas son as que se mantiveron e as que continúan activas na actualidade. Unha que se pode destacar neste caso é a Asociación Cultural Val de Láncara, creada en 1992 e na que se renovou recentemente a directiva por gran parte da xuventude da vila de Láncara. Esta, realiza diferentes actividades e conta tamén con clases de música -gaita, tambor e bombo-, baile e pandeireta e canto tradicional, que teñen coma obxectivo divulgar e manter a música e o baile tradicional galego.

Sarria conta, principalmente, con catro asociacións culturais nas que se tratan valores tradicionais da zona e das que, tres delas, son asociacións que levan varias xeracións existindo e dando alternativas culturais á vila.

MEIGAS E TRASGOS. Unha delas é a Asociación Cultural Meigas e Trasgos, unha asociación que naceu sobre o ano 1968 e que promove actividades de tipo folclórico. Sen embargo, Meigas e Trasgos estivo, aproximadamente, uns dez anos parada a causa de que ninguén quería coller as rendas. Ao fin e ao cabo, ser presidente ou presidenta ou estar na directiva dunha asociación de este tipo, ocupa moito tempo do que, moitas veces, non se dispón. Así pois, despois de este tempo algo parada, cunha actividade mínima, coas instalacións en mal estado e con facturas sen pagar, conseguiuse reflotala e volvela a pór en funcionamento chegando a alcanzar os 170 socios aproximadamente. Ademais, un socio non é o equivalente a unha persoa xa que, nesta asociación, coma noutras de Sarria, os socios constitúen unha unidade familiar, polo que, detrás de cada socio pode haber varias persoas.

Así pois, a teima dun grupo de persoas que viviron dende moi novos a asociación e da que consideran que foi partícipe a maior parte da xuventude de Sarria, lograron sacar cara adiante Meigas e Trasgos para continuar celebrando festas, como o pasado magosto no que houbo música, baile e moitas castañas. Así mesmo, tamén se continúa coas clases de música e baile tradicional para que se sigan ensinando este tipo de actividades que pasan de xeración en xeración e nas que se ofertan clases de baile, de pandeireta, de percusión e de gaita.

O que botan en falta na actualidade é a unión de xente nova con gañas e motivación, que axude e estea disposta a continuar con este legado xa que, segundo din, é importante que veñan novas ideas e que existan cambios xeracionais.

PELERIÑOS. Outra das asociacións típicas desta vila é a Asociación Cultural Peleriños, que naceu no 1996 na vila de Sarria e que, vinte e cinco anos despois, converteuse nun referente da divulgación do folclore tradicional galego. Esta asociación conta con máis de 250 socios que poden gozar das diferentes actividades que se realicen e, por outro lado, son sobre 90 as persoas que compoñen as escolas de música e de baile.

O nome da asociación vén dado polo vínculo que existe entre Sarria e o Camiño de Santiago, así coma pola vocación de continuar levando a cultura tradicional galega polo resto da xeografía nacional e internacional participando de maneira activa en numerosos festivais. Ademais, é unha asociación que non só realiza clases de música e baile tradicionais, senón que organiza obradoiros, charlas, viaxes ou eventos, así coma actuacións por diferentes lugares. Así mesmo, todos os anos -a excepción de estes dous últimos por causa da situación sanitaria-, a Asociación cultural Peleriños invita a un grupo de fóra de Galicia a súa xuntanza anual para actuar por Sarria e para dar a coñecer a música, o baile e o traxe tradicional de outros lugares.

Este ano, pola súa beira, xa comezaron co novo curso 2021-2022, no que se ofertan clases de canto e pandeireta, baile para adultos, gaita e percusión para adultos, música tradicional infantil e baile infantil; en diferentes días e horas para que todas as persoas que o desexen e estean interesadas, poidan participar nestas xornadas.

RÚA DA MÚSICA. Por outra beira, atópase a asociación de creación máis recente pero cunha boa acollida a causa da tradición musical que existe na vila. Esta é a única mencionada na que non está presente o baile e música tradicional, xa que está dedicada a unha rama da música máis moderna. Esta é a Asociación Cultural Rúa da Música, formada no ano 2012 despois de levar a cabo o festival de música Garitosis.

Este é un festival onde se unen grupos locais da vila de Sarria con grupos de outras partes do mundo para gozar da música e dos diferentes estilos que aporta cada un. Así pois, grupos locais coma Malditos Roedores, Proyecto Valley, Flying Boogaloos ou Louband son algúns dos que participaron neste festival que cumpre no 2022, o seu décimo aniversario. Xunto a eles, grupos doutras partes coma Five Black Bullets, Man de Santo, Good Luck Charm Band e Tandub OU; chegaron a Sarria en setembro para aportar a súa música nun festival que foi evolucionando a pasos axigantados co paso do tempo.

Desta maneira, a asociación continúa e conta con 82 socios aproximadamente, que empregan o local social da rúa da Música para ensaiar e para seguir co crecemento dun grupo social en Sarria forte que se apoia e no que se comparte a mesma afección.

A UNIÓN. Finalmente, hai que destacar a Sociedade Cultural A Unión, por ser a máis antiga de todas e da que naceron outras como a Asociación cultural Meigas e Trasgos e a Sociedade Deportiva Sarriana. Esta foi o xerme e o impulso de moitas actividades culturais en Sarria, ben a nivel cultural ou a nivel deportivo. Tanto é así, que xa cumpriu 100 anos o pasado ano 2019.

A Unión, ao igual que a sociedade da vila, foi cambiando e evolucionando a medida que pasaban os anos. Tanto é así, que ao principio, realizábanse sobre todo festas e, na actualidade, a oferta cultural aumentou ofrecendo diferentes clases -ioga, bailes de salón, pilates-, un club de billar, un grupo de cantos de taberna, un cine club e conferencias, entre outras. Así mesmo, algo que tamén cambiou a raíz desta nova oferta cultural é o feito de que os socios e as socias acudan con moita frecuencia ao local da Unión. Isto é algo que anteriormente non se facía, sen embargo, grazas as diferentes actividades, eventos e alternativas de entretementos, a xente anímase a ir a ese espazo.

Así mesmo, as instalacións continúan mellorando e aumentando, como é o caso da biblioteca. Antigamente, sobre o ano 2008, non existía a biblioteca e tan só había unha serie de libros algo mal organizados. A partir dese ano e do cambio de directiva, fíxose unha biblioteca e comezáronse a expoñer os libros que había e os que a xente ía doando. De feito, chegaron a doar dunha vez ata 2.000 libros que se atopan na actualidade a disposición dos socios e socias que o desexen.

Grazas a todas estas asociacións, a vila de Sarria conta cunha oferta cultural importante xa que, non só dan clases ou aportan locais para ensaiar, senón que ofrecen actuacións, eventos, concertos e actividades para que todos os veciños e veciñas de Sarria e da contorna poidan ser partícipes e gozar de xornadas e citas diferentes e amenas. Así mesmo, nelas búscase que as asociacións non sexan sociedades clasistas, senón que o obxectivo é que sexan lugares e grupos sociais aos que poidan acceder todas aquelas persoas que realmente estean interesadas no que se ofrece e na actividade que se realiza nelas.

De feito, dende a Sociedade Cultural A Unión sinalaron que antigamente, para facerse socio, había que indicar a profesión á que te dedicabas, unha lista que aínda se conserva e na que se poden ver reflexados multitude de traballos como carpinteiros, reloxeiros, xastres, notarios, ferreiros, avogados, agricultores, xuíces… Un dato curioso no que se pode contemplar que, en todo momento, se buscaba xuntar a todos os veciños e veciñas na asociación.

Por esta razón e, coa finalidade de continuar mantendo e divulgando tradicións da zona, así coma realizar eventos, actividades e actuacións lúdicas, estas asociacións seguen activas e contan con apoios para que isto se conserven durante as máximas xeracións posibles.

musicos meigas e trasgos
peleriños sarria 4
A union sarria
0.15080308914185