A Corporación Municipal de Sarria non consegue aprobar a taxa do lixo

O Goberno local de Sarria levou este venres, 7 de novembro, ás 09.00 horas, a pleno extraordinario a modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola recollida do lixo. A proposta, impulsada polo executivo de Camiña Sarria, buscaba actualizar unhas tarifas que non se revisan desde hai once anos, co obxectivo de mellorar o servizo e proceder á súa licitación.
César No, portavoz de Camiña Sarria, explicou a contía das taxas, que contemplan unha tarifa fixa de 95,25 euros anuais para as vivendas, á que se engadiría unha parte variable en función dos días de recollida. Así, os fogares do rural pagarían 97,25 euros (95,25 máis 2 euros), mentres que as vivendas situadas na contorna urbana abonarían 102,25 euros (95,25 máis 7 euros), ademais dunha cantidade adicional vinculada ao consumo de auga. No caso dos negocios, a taxa estableceríase en función da superficie e da actividade desenvolvida, e no sector da hostalaría aplicariase segundo o número de prazas e a tipoloxía do establecemento.
Porén, a iniciativa non contou co apoio da oposición. O BNG, o PSOE e o PP expresaron o seu desacordo coa proposta e comparten o argumento de que "é unha taxa abusiva e inasumible". Durante o pleno, o BNG reiterou o que xa dixera anteriormente: "A suba das taxas é abusiva para as familias". Ademais, engadiu que "tiveron sete anos para facer algo, pero foron prorrogando o contrato". Mentres, o PSOE acusou ao Goberno local de "responsable da situación na que nos atopamos, xa que lles avisamos en diferentes ocasións do que podía suceder; e non só nós, a Interventora avisou en diversos momentos da situación á que podiamos chegar".
Pola súa banda, o PP lembrou que "xa advertimos en diversas ocasións a nosa disconformidade coa medida". A voceira popular, Carmen José López, explicou que o grupo é consciente da obriga establecida pola Lei 7/2022 de residuos e chans contaminados, que impón aos concellos a repercusión íntegra do custo da xestión do lixo, pero advertiu de que "a suba das taxas debería ser progresiva" e incluso sostivo que a proposta do grupo de Goberno é "ilegal". E lembra que se reuniron varias veces co equipo de goberno e fixeron propostas, pero recadar 1.400 millóns de euros non é xusto, cando antes pagaban 600.000 euros".
Pola súa parte, César No, mostrou a súa decepción ante a falta de apoio por parte dos demais concelleiros, apelando á "responsabilidade" e sostendo que "ao non aprobar a taxa do lixo non estaremos coa auga ao pescozo, senón que teremos a merda no pescozo". O alcalde de Sarria, Claudio Garrido, recoñeceu a crítica de que en 7 anos non se sacou o contrato do lixo, pero apunta a que "todos os veciños de Sarria temos unha débeda de máis de 700.000 euros que temos que pagar, e esa é a realidade; e todos os gobernos en Sarria temos parte de culpa, pero temos que resolver esta situación".