A Cova Eirós de Triacastela amosa unha técnica artística non rexistrada en anteriores prospeccións

SarriaXa
Unha nova exploración arqueolóxica da Cova Eirós, situada na parroquia lucense de Cancelo (Triacastela), proporciona datos novidosos sobre a Prehistoria das montañas luguesas.
Mandíbula de cervo recuperada no nivel 4 de Cova Eirós
17 Sep 2023

Unha nova exploración arqueolóxica da Cova Eirós, situada na parroquia lucense de Cancelo (Triacastela), proporciona datos novidosos sobre a Prehistoria das montañas luguesas. Os traballos desenvolvidos ao longo deste verán dan continuidade e amplían as escavacións precedentes dos niveis do Paleolítico medio e permiten documentar as manifestacións de arte rupestre no seu interior.

Nesta campaña de 2023 participan membros do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste, Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da USC (GEPN-AAT), do Institut Català de Paleocologia Humana i Evolució Social de Tarragona (IPHES-CERCA) e da Universitat Rovira i Virgili (URV), ao abeiro dun convenio coa Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Indicios dos modos de vida e evidencias artísticas

As intervencións arqueolóxicas realizadas ao longo do verán centráronse na exploración da entrada de Cova Eirós e na documentación da arte do interior. Os resultados da investigación ofrecen nova información sobre os modos de vida das comunidades de neandertais que ocuparon a Cova Eirós e sobre o mundo simbólico do Paleolítico superior. A nova exploración do nivel do Paleolítico medio (Nivel 4) amplía o coñecemento sobre os grupos que habitaron as Serras Orientais hai máis de 45.000 anos e que utilizaron a cova como campamento durante tempadas relativamente longas. Nas escavacións recuperáronse os restos das ferramentas líticas fabricadas en cuarcitas e cuarzos recollidos nas beiras dos ríos próximos. Estes aparellos eran usados para procesar os animais cazados, as súas peles e para fabricar ferramentas en madeira. Atopáronse, tamén, restos óseos e dentais das presas, como mandíbulas e ósos de cervo.

As comunidades de neandertais no lugar capturaban cérvidos, rebezos e cabalos nos vales e bosques próximos que despois, unha vez despezados, levaban á cavidade. Algúns destes restos óseos conservan aínda as marcas de corte feitas coas ferramentas líticas usadas para o seu descarnado. As pezas recuperadas amosan que Cova Eirós tamén foi ocupada alternativamente por carnívoros que a usaban como cubil ou oseira.

En paralelo ás escavacións, realizáronse traballos de documentación e fotogrametría e levantamentos en 3D dos paneis contedores de arte nas salas do interior de Cova Eirós. Nesta campaña identificáronse novos motivos no fondo das galerías realizados cunha técnica non documentada ata o momento. Descubríronse puntos e signos pareados debuxados en pintura vermella no teito da galería, cun uso do ocre como pigmento que non fora documentado en ningún dos paneis coñecidos previamente e que amplía as técnicas e motivos representados na arte de Cova Eirós.

puntos pintados no nivel 4 de Cova Eirós
FIG 2 LASCA CUARCITA no nivel 4 de Cova Eirós

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17376899719238