A cuarta etapa de ‘La Vuelta Femenina’ percorrerá a provincia de Lugo entre Monforte e Antas de Ulla

A provincia de Lugo terá un protagonismo especial na cuarta etapa de La Vuelta Femenina 2026, que percorrerá o 6 de maio 115,2 km entre Monforte e Antas de Ulla, cun percorrido considerado “moi esixente” que rematará cunha subida final.
A saída terá lugar na Praza da Compañía de Monforte e continuará polas rúas Cardenal, Avenida de Galicia, Ronda María Emilia Casas Baamonde, Doctor Casares e Morín, antes de deixar a cidade para atravesar os municipios de Sarria, Láncara, O Páramo, Portomarín, Ventas de Narón, Taboada e Monterroso, ata alcanzar a meta en Antas de Ulla, no Parque Central de Galicia, considerado o centro xeográfico de Galicia.
Esta etapa contará coa participación de grandes figuras do ciclismo feminino, entre as que se inclúen Pauline Ferrand-Prévot, ouro olímpico e campioa do Tour de Francia, Marianne Vos, Lotte Kopecky, Marlen Reusser, así como as españolas Mavi García e Paula Blasi.
A retransmisión en España realizarase a través de RTVE e en Europa por Eurosport, garantindo unha ampla cobertura internacional do evento. A organización espera repetir cifras similares ás da edición de 2025, que contou con 112 xornalistas de 66 medios.