A cuberta do pavillón polideportivo de Paradela será renovada

SarriaXa
As obras terán un valor de 56.224 euros, financiadas por unha subvención da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta
pavillón-polideportivo-de-Paradela
2 Ago 2024

O Concello de Paradela renovará parte da cuberta do pavillón polideportivo a través dunhas obras que vén de sacar a licitación por un valor de 56.224 euros que será financiado por unha subvención da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta, concretamente do fondo de cooperación local destinado aos concellos con poboación inferior aos 15.000 habitantes.

Desta maneira, o pavillón deportivo será renovado na súa cuberta, aínda que sería necesaria, segundo indican desde o Concello, o peche exterior da fachada e a reforma do tellado dos vestuarios, pero a limitación da subvención posibilitará só o arranxo da cuberta, que é de chapa sinxela sen illamento adicional e ademais atópase en mal estado. Por iso, hai numerosas filtracións de auga que producen goteiras durante os meses de inverno, primavera e outono en diversas zonas do pavillón.

Así, as obras incluirán a substitución da cuberta por unha de panel sándwich para mellorar a súa eficiencia enerxética e o benestar dos traballadores e usuarios, reducindo ademais a factura eléctrica, colocando tamén paneis translúcidos e tamén se podería instalar un canalón de aluminio.

Os traballos teñen un prazo de execución de tres meses, aínda que a data límite para o remate dos mesmos será o 15 de novembro, tal e como se establece nas bases.

0.17387008666992