A cultura en Sarria toma impulso cun mes de novembro cheo de propostas

A axenda cultural de novembro en Sarria arrincou este domingo día 2 coa representación de Clownoedipus, posta en escena polo grupo Falcatrueiros de Monterroso na Casa da Cultura, dentro do Circuíto Galego de Teatro Amador impulsado pola FEGATEA.
A programación continuará este luns 3 coa apertura da exposición Sempre en Galiza: 1944-2024, promovida pola Deputación de Lugo e centrada na obra e legado de Castelao, que permanecerá na Casa da Cultura durante dúas semanas.
As actividades seguirán o martes 4 e o día 18, entre as 19:00 e as 21:00 horas, con dúas novas sesións do obradoiro de escrita creativa, cuxa inscrición é gratuíta a través do correo cultura@sarria.gal. Pola súa banda, os Mércores de Contos, un espazo dedicado á literatura infantil e ás familias, celebraranse os días 5 e 19 de 17:30 a 18:30 horas sen necesidade de inscrición previa.
A estrea do documental de Xan Leira Sempre en Galicia, voz e pensamento galeguista na emigración terá lugar o xoves 6 ás 20:00 horas, nun acto que contará coa presenza de Yolanda Díaz Gallego. O venres 7, a Biblioteca Pública “Camilo Gonsar” acollerá, ás 19:00, a presentación do novo poemario de Ana Valín, En las latitudes de un miedo políglota.
A fin de semana do día 8 será especialmente intensa, co San Martiño Caníbal na parroquia de Louseiro desde primeira hora da mañá, cun programa que inclúe verbena, propostas infantís, gastronomía e entretemento para todas as idades. Ese mesmo sábado ás 20:00 horas, Os Quinquillans levarán ao escenario Cousas, unha peza vinculada á exposición sobre Castelao. O domingo 9, ás 20:00 horas, a Casa da Cultura acollerá Seca, espectáculo da compañía Teatro do Ar, tamén dentro do circuíto de teatro amador da FEGATEA.
Desde o luns 10 ata o 10 de decembro, a Oficina Municipal de Turismo exporá Aldea, traballo artístico de María Cabot, en horario de mañá de 9:00 a 14:30 horas. O xoves 13 será quenda da curtametraxe Mudanza, dirixida por Luisje Moyano a partir dun relato da escritora sarriá Sonia Arias, que se proxectará ás 20:00 horas na Casa da Cultura. Un día despois, o venres 14, preséntase a obra gañadora do XXIV Premio de Poesía “Fiz Vergara Vilariño”, Amor palimpsesta de Helena Salgueiro, nun acto que reunirá á autora, ao editor Miguel Anxo Fernán-Vello, á presidenta da Asociación Cultural Ergueitas, María Casar, a membros do xurado e ao concelleiro de Cultura, César No.
O domingo 16, ás 20:00 horas, chegará Vermello, proposta teatral de Rebuldeira Teatro tamén incluída no Circuíto Galego de Teatro Amador. A Biblioteca Pública volverá ser escenario de literatura o venres 21 coa presentación, ás 19:00, do libro Andares, do xornalista Luís Celeiro.
A maxia tomará o relevo a fin de semana do 22 e 23 coa terceira edición de Maxia no Rural, iniciativa coordinada polo mago Roberto Lolo que busca levar o ilusionismo ás parroquias sarriás, desta volta coa participación dos magos Fernando Moreno, o Bruxo Cabacín, o Mago Iago, a Magaldara e o propio Lolo. O sábado 22 tamén haberá música coa Banda de Música de Sarria, que ofrecerá un concerto na parroquia de Nosa Señora do Rosario con motivo do día de Santa Cecilia.
Ese mesmo domingo 23, ás 20:00 horas, representarase En carne viva, proposta de Bengala Teatro incluída no Circuíto de Teatro Profesional da Deputación de Lugo. A programación continuará o mércores 26 ás 20:00 horas coa segunda sesión dos Simposios Salvaxes na Biblioteca “Camilo Gonsar”, desta vez con Rocío Peccatiello, de Rebuldeira Teatro, Belén Fernández, de Meigas e Trasgos, e o DJ Chechu Quiñoá.
O venres 28, ás 18:00 horas, celebrarase un contacontos infantil a cargo de Yolanda Álvarez Castro arredor do libro Artur e Clementina, dentro das actividades polo 25-N. O mes pechará cunha recta final chea de música e teatro: o sábado 29, ás 20:00 horas, o grupo Son de Corda ofrecerá o concerto Na casa delas na Casa da Cultura, inspirado en poemas de autoras galegas, mentres que o domingo 30, tamén ás 20:00 horas, a compañía Nova Escena levará ao escenario E.L. (Expectativa lonxana), no marco do Circuíto de Teatro Afeccionado da Deputación.