A curtametraxe 'Mudanza' de Sonia Arias proxectarase en Paradela e Sarria

A curtametraxe 'Mudanza', da autora paradelense Sonia Arias, estrearase o próximo 25 de outubro con dúas proxeccións: ás 18.00 horas no Centro Sociocultural Manuel Oreste Rodríguez de Paradela e ás 20.00 horas na Casa da Cultura de Sarria.
O proxecto parte dun texto incluído na obra 'Manchas de frío', no que se aborda o cancro e o proceso de afrontar a morte desde unha perspectiva humana e digna.
Sonia Arias destacou a cantidade de persoas que participaron na produción, realizada en agosto, e expresou o seu agradecemento ás persoas e institucións que apoiaron o proxecto, especialmente nos concellos de Paradela e Sarria, como o concelleiro de Cultura de Sarria, César No, "que tivo unha implicación constante desde o primeiro momento", explica Arias.
Ademais, engadiu que “aquí había un equipo enteiro que tiña que facer un grande e difícil traballo en pouco tempo, pero tamén era necesario que o pobo se involucrase. Non só houbo unha resposta de patrocinio inmensa, senón afectiva, e por iso este proxecto está moi vinculado coas emocións”, sinalou.
A autora tamén destacou a colaboración co Grupo Galego de Cáncer de Pulmón, ao que se destinará parte dos beneficios da curtametraxe, coa intención de seguir dando visibilidade a estas iniciativas. Sonia Arias viviu a rodaxe con moita ilusión, agradecendo ao director Luisje Moyano a oportunidade de seguir de cerca o proceso creativo e garantir que as escenas reflectisen a esencia do relato orixinal.
O proxecto tamén busca promocionar a cultura galega e os concellos de Paradela e Sarria, cun equipo maioritariamente galego que participou na produción: Saamira Ganay, actriz principal; Cris Andina, directora de cámara; Cecilia Estévez, directora de vestiario; Sara Fernández, directora de son; e Antón Ochoa, estalonaxe. A curtametraxe contou ademais coa produtora Fortune Films Production, a guionista Ada de Goln, o director Luisje Moyano, a actriz coprotagonista Deborah Gil, a banda sonora de Jesús Calderón e a distribuidora City Blue Films, de Fernando Pazín.
Sonia Arias expresou a súa satisfacción por poder combinar culturas e experiencias, destacando a colaboración e a creatividade que fixeron posible esta curtametraxe, que xa espertou gran curiosidade e expectativa nas localidades protagonistas.