A delegación de Guerledán veu visitar Sarria, visibilizando os vínculos culturais entre Galicia e Bretaña
O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, e a deputada de Cultura, Iria Castro, recibiron a unha delegación de Guerlédan, na Bretaña, no Pazo de San Marcos; que participa ao longo desta semana nun programa actividades polos 25 anos do irmandade entre Sarria e Guerlédan.
As viaxeiras e viaxeiros chegados da Bretaña, acompañados por veciñanza de Sarria, percorreron o interior do Pazo de San Marcos e o xardín, coñecendo tanto o edificio como a función e a fórmula de elección dos representantes provinciais, homologables ao departément francés.
Efrén Castro felicitou “a sarriás e bretóns por manter os lazos ao longo destes 25 anos, contribuíndo a visibilizar tamén os vínculos culturais entre Galiza e a Bretaña”. No nome da delegación bretoa, Monique Le Clézio, elixida do Conseil Général des Côtes d'Armor fixo un chamado a tolerancia en Europa.
A visita á institución provincial formaba parte do programa do Irmandade entre Sarria e Guerlédan, nunha xornada na que tamén visitaron o Centro de Artesanía e Deseño e o Museo de Lugo, así como Santalla de Bóveda. A delegación bretona chegou a Sarria o mércores, onde quedarán ata o martes.
Ademais de Sarria e Lugo, nestes días achegaranse, entre outros lugares, a Bretoña, o Festival de Pardiñas - onde o venres, Justine Frelaut falará sobre a cultura bretoa e a función dos Círculos Célticos e impartirá un obradoiro de danzas con participación aberta ou o Xeoparque do Courel.