A Deputación abre o prazo do programa Coñece a túa Provincia con máis de 3.000 prazas gratuítas

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
As entidades sen ánimo de lucro poderán solicitar desde o luns viaxes por toda a provincia, con rutas accesibles e prioridade para novos colectivos
as-bulidoras-conece-a-tua-provincia
11 Jan 2026

A Deputación de Lugo abrirá o vindeiro luns, 12 de xaneiro, o prazo para solicitar a participación nunha nova edición do programa Coñece a túa Provincia, unha iniciativa de viaxes gratuítas que nesta convocatoria oferta máis de 3.000 prazas. As bases veñen de publicarse no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e o período de presentación de solicitudes estará aberto desde as 12.00 horas do día 12 ata o 16 de xaneiro.

O programa mantén a súa ampla proposta de 44 rutas que percorren os 67 concellos da provincia, ás que se suman sete itinerarios accesibles, pensados especificamente para colectivos de persoas con discapacidade física. Como principal novidade desta edición, priorizarase a participación de entidades que non tomaron parte en convocatorias anteriores, co obxectivo de facilitar o acceso ao programa a novos colectivos. Cada entidade poderá solicitar entre 15 e 23 prazas para realizar as excursións.

O Coñece a túa Provincia está dirixido a entidades sen ánimo de lucro legalmente constituídas e con sede na provincia de Lugo. As solicitudes deberán presentarse mediante unha única instancia, que poderá tramitarse de forma telemática a través da sede electrónica da Deputación, no Rexistro provincial con cita previa ou en calquera dos rexistros recollidos na Lei de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

A admisión das entidades realizarase por orde de entrada das solicitudes, atendendo á data e hora rexistradas, ata completar o total de prazas dispoñibles. A listaxe definitiva de entidades admitidas e, de ser o caso, a relación de espera, publicarase no BOP.

As excursións inclúen o transporte de ida e volta desde o lugar de orixe, seguro de viaxeiros, menú de xantar, servizo de guía oficial de turismo e as entradas e visitas a distintos puntos de interese da provincia. As actividades serán desenvolvidas por profesionais acreditados como guías oficiais de turismo de Galicia, así como polo persoal especializado dos museos, empresas e obradoiros incluídos nos itinerarios.

O programa conta cun orzamento superior aos 200.000 euros, o que supón un investimento medio de 67,40 euros por persoa. Unha iniciativa que, ademais de promover o coñecemento do territorio, contribúe a impulsar o turismo de proximidade e a dinamizar a economía local dos concellos lucenses.

⚙ Configurar cookies
0.071056842803955