A Deputación adxudica por medio millón de euros o programa E para Dixitalizarse, Lugo

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Este proxecto da institución provincial achegará un total de 500 cursos á veciñanza dos 55 concellos da provincia con menos de 5.000 habitantes co obxectivo de reducir a fenda dixital
Imaxe de ordenadores
28 Jun 2025

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo celebrada este venres aprobou por case medio millón de euros adxudicar o contrato do programa E para Dixitalizarse, Lugo. Así o informou tras a reunión a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen destacou que esta iniciativa “ten como obxectivo achegar as novas tecnoloxías á veciñanza, reducir a fenda dixital e fomentar a inclusión no territorio”.

O proxecto está financiado con fondos europeos captados pola Deputación ao abeiro do Reto Rural Dixital, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea, e desenvolverase ata o 20 de marzo de 2026, aínda que o 60% das accións deberán executarse antes do 31 de decembro de 2025.

Pilar García Porto explicou que “se trata dunha proposta pioneira coa que a institución provincial levará formación en competencias dixitais á veciñanza dos 55 concellos da provincia con menos de 5.000 habitantes”, quedando fóra só os municipios máis poboados: Lugo, Monforte de Lemos, Viveiro, Vilalba, Sarria, Foz, Ribadeo, Burela, Chantada, Guitiriz, Outeiro de Rei e Castro de Rei.

A programación, que será deseñada xunto coa empresa adxudicataria, incluirá 500 accións formativas centradas nas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), e estará adaptada a diferentes perfís e idades. A formación abranguerá desde o uso de aplicacións móbiles ou a banca electrónica para persoas maiores, ata contidos de informática básica, redes sociais ou ciberseguridade para a mocidade, persoas desempregadas ou emprendedoras.

Tamén se ofrecerán obradoiros dirixidos a familias sobre os riscos de internet ou o uso responsable dos dispositivos.

“A posta en marcha deste proxecto demostra, unha vez máis, a capacidade do Goberno da Deputación para captar fondos europeos, que xa superan os 18 millóns de euros desde o ano 2019”, sinalou García Porto. Un investimento que “permitiu desenvolver proxectos clave contra o despoboamento no rural e a favor da modernización dos concellos, como os programas Xeopadrón ou Impulsa TIC”, engadiu.

⚙ Configurar cookies
0.14428496360779