A Deputación aproba a conservación de carreteras da montaña en 15 concellos

LugoXa | SarriaXa | RibeiraSacraXa
Investirá un total de 3 millóns de euros neste contrato e adxudica as obras da LU-P-1301 en Pedrafita do Cebreiro
Pilar-Porto-Deputación-de-Lugo
12 Jul 2025

A Deputación de Lugo aprobou este venres investir máis de 3 millóns de euros para seguir mellorando a mobilidade na provincia. Así o informou a Voceira socialista, Pilar García Porto, no Pazo de San Marcos tras a sesión semanal da Xunta de Goberno.

Por unha banda, García Porto detallou que “aprobamos a licitación por algo máis de 3 millóns de euros (3.048.332,19€) do contrato de conservación da rede viaria provincial ao seu paso por 15 concellos, principalmente da zona de montaña”. Trátase dos lotes 1, 2 e 3 que afectan aos municipios de: A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín, Navia de Suarna, Becerreá, Cervantes, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel, O Incio, Samos, Triacastela, Quiroga e Ribas de Sil.

A voceira recalcou que “debido a complexidade da súa orografía, licitamos estes lotes de xeito independente para garantir unha mellor xestión e unha atención especializada das necesidades desta zona. Este contrato, no que se inclúen as actuacións correspondentes de conservación e mantemento desta zona, conta cunha duración de dous anos e poderá prorrogarse por outro ano máis”.

“Deste xeito seguimos a traballar para mellorar a mobilidade e a seguridade viaria na nosa provincia, que como sabedes é a máis extensa de toda España, con máis de 4.200 quilómetros que vertebran os 67 concellos da nosa provincia”, sinalou García Porto.

Pedrafita do Cebreiro

Na reunión desta mañá tamén se adxudicaron os traballos de acondicionamento e mellora da LU-P-1301, en Pedrafita do Cebreiro, por 386.880,92€. A empresa adxudicataria foi Hermanos Pico Yañez SL e o prazo de execución destas actuacións é de seis meses unha vez comecen as obras.

Neste proxecto inclúese o acondicionamento de case medio quilómetro desta vía que conecta Seoane do Courel co municipio montañés polas parroquias de Hospital e Vilela. As obras, que se van realizar entre o punto quilométrico 6,8 e o 7,3, consistirán no ensanche da estrada ata os 10 metros, na drenaxe, no afirmado, na sinalización horizontal e vertical e no tratamento da paisaxe.

A Deputada detallou que “con este proxecto levamos máis dun millón de euros investidos na mellora e no acondicionamento desta estrada, que é unha das principais vías de comunicación da Montaña”.

“Como vedes, cumprimos coa palabra dada e estamos a dar novos pasos para que Augas Mestas volva ser un espazo ao servizo da veciñanza. Un espazo que ademais, dinamizará a economía da zona, xerará novos postos de emprego e converterá esta instalación nun atractivo máis dentro da oferta turística da nosa provincia”, rematou a Deputada.

⚙ Configurar cookies
0.099723100662231