A Deputación aproba máis de 2,2 millóns de euros para seguir mellorando a rede viaria

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Aprobada a convocatoria dos quintos premios á excelencia do turismo e da gastronomía da provincia de Lugo
fresado-obras-estradas-n-634
Traballos nas estradas
31 May 2024

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou investimentos de máis de 2,2 millóns de euros para continuar mellorando a mobilidade na provincia, sacando adiante actuacións para renovar a rede viaria provincial e tamén para o seu mantemento. Así o informou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, tras a reunión deste venres.

En canto aos proxectos en estradas, explicou que son catro as vías provinciais que se verán beneficiadas, que discorren polos concellos de Friol, Outeiro de Rei, Begonte, Cospeito, Lugo, Guntín e Paradela.

Por unha banda, aprobouse a adxudicación das obras de acondicionamento dun novo tramo do Cinto Comarcal, a LU-P-1611, ao seu paso por Friol, Outeiro de Rei e Begonte por un importe de algo máis de 700.000 euros. Os traballos afectarán ao treito que vai dende o punto quilométrico 49 ao 57, e teñen un prazo de execución de 3 meses, pero a empresa adxudicataria comprometeuse a telos rematadas en 5 semanas. Consistirán na limpeza de cunetas, drenaxe, pavimentación e sinalización correspondente.

“A Deputación leva dedicados máis de 3,3 millóns e euros ó Cinto Comarcal de Lugo dende que José Tomé Roca é presidente desta institución, o que demostra ben o esforzo investidor enorme que está facendo esta institución provincial na mellora e conservación desta estrada. É importante lembrar que o Cinto Comarcal conta con 131 quilómetros de lonxitude, que, polas súas características, debería ser de titularidade da Xunta de Galicia, como xa temos reivindicado en moitas ocasións”, afirmou a Deputada.

En Cospeito, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación de obras de mellora na LU-P-1702, que vai dende Feira do Monte a Fontefría polo Pino, cun investimento de preto de 92.500 euros. Nesta estrada renovarase o treito que vai dende o inicio da vía ao quilómetro 1,365. O prazo de execución é de 2 meses, pero a empresa que vai realizar estes traballos comprometeuse a telas rematadas en 3 semanas unha vez comecen.

Por outra banda, tamén saíu adiante a adxudicación de obras de mellora na estrada provincial que une Lugo con Guntín, a LU-P-2913, cun investimento de 192.000 euros. As tarefas afectan ao treito que vai do quilómetro 4,3 ao 8,2, dende Coeses a Terlama, e contemplan a limpeza de laterais e obras de drenaxe, a pavimentación con aglomerado en quente e a sinalización. O prazo de execución é de 2 semanas unha vez comecen as obras.

O cuarto proxecto que quedou adxudicado consiste na renovación dunha estrada provincial ao seu paso polo termo municipal de Paradela. Trátase da LU-P-4202, entre Pacios e Currelos por Aldosende, entre os puntos quilométricos 3,5 e 5, cun investimento de case 80.000€. Os traballos consistirán na drenaxe, a pavimentación e a sinalización. O prazo de execución é dun mes.

Traballos de roza nas estradas

Por outra banda, na Xunta de Goberno de hoxe déuselle o visto bo á adxudicación, por máis 1,2 millóns de euros, dos traballos de desbroce de estradas provinciais ao seu paso por 34 concellos.

En concreto, trátase das tarefas correspondentes con 11 lotes do contrato, que son os que afectan aos concellos do Vicedo, Viveiro, Xove, Ourol, Barreiros, Ribadeo, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, Abadín, Cospeito, Rábade, Outeiro de Rei, Guitiriz, Begonte, Baleira, Baralla, Láncara, Becerreá, As Nogais, Cervantes, Pedrafita do Cebreiro, Antas de Ulla, Monterroso, Portomarín, Palas de Rei, O Páramo, Paradela, Sarria, Bóveda, A Pobra do Brollón, Monforte de Lemos, Pantón e Sober.

A duración do contrato é de dous anos, con posibilidade de prórroga por un ano. “Este contrato para acometer os desbroces da rede viaria provincial está dotado con máis de 3M€ e está dividido nun total de 24 lotes, dos que hoxe adxudicamos 11, hai un par de semanas outros 5, e nas vindeiras semanas adxudicaremos os restantes”, lembrou a Deputada.

Premios á excelencia turística

Nesta reunión, o Goberno deu o seu visto e prace á convocatoria e ás bases da quinta edición dos premios á excelencia do turismo e da gastronomía da provincia de Lugo, de novo con tres categorías: Premio Lugo Cambia ao turismo lucense, Premio Turismo Sostible, e Premio ...E para comer, Lugo á Gastronomía Lucense. Nos vindeiros días publicaranse no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e abrirase o prazo para a presentación de candidaturas.

García Porto expuxo que “estes galardóns, creados no seo do Consello Provincial de Turismo, son unha medida máis que promovemos para apoiar, poñer en valor e visibilizar o traballo e a calidade do sector turístico e hostaleiro da nosa provincia”. Así mesmo, a Deputada detallou que se poden presentar persoas físicas ou xurídicas, institucións e entidades públicas ou privadas, asociacións e colectivos sen ánimo de lucro, de ámbito local, autonómico, nacional ou internacional que destaquen nalgunha das tres modalidades e que teñan repercusión positiva no turismo ou na gastronomía a nivel provincial ou nunha zona específica.

As candidaturas poderán presentarse a título individual ou por unha terceira persoa co consentimento expreso do candidato ou candidata. O xurado estará composto polos representantes do Consello Provincial de Turismo, que, nunha sesión extraordinaria, fallará ata un máximo de tres premios nas categorías Lugo Cambia ao Turismo Lucense e ...E para comer, Lugo á Gastronomía Lucense, respectivamente, e un único premio no caso da categoría de Turismo Sostible. A maiores, o xurado poderá propoñer ata un máximo de tres accésits en total.

Na valoración das candidaturas terase en conta a aportación da iniciativa ao desenvolvemento turístico, a singularidade da proposta e a repercusión positiva sobre a imaxe da provincia.

Os galardóns serán entregados o 27 de setembro nun acto público coincidindo co Día Mundial do Turismo. Como nas edicións anteriores, os premios consistirán nun diploma acreditativo e nun agasallo, que será unha peza de artesanía tradicional da provincia.

Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios

Finalmente, na Xunta de Goberno quedou aprobado o último trámite administrativo para o pago de cinco subvencións, por un importe conxunto de case 30.000 euros, a outras tantas entidades da provincia que resultaron beneficiarias do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, que impulsa a Deputación de Lugo.

As beneficiarias son: a Comunidade de Montes de San Julián de Gaibor, de Begonte, que recibe 6.000€ para o arranxo dunha pista de monte veciñal; a Comunidade de usuarios de Chaovillarín, de Cervantes, recibe 6.000€ para a mellora da captación e reparación de abastecemento de auga; a Comunidade de Montes de Cumbraos, en Monterroso, percibe 6.000€ para a mellora da captación e a reparación do abastecemento de auga; a Comunidade de Montes Sierra Mirandela, Paleira Arriba, Salvaranes e Caxigueira, de Castroverde, percibe 6.000€ para o axardinamento e rehabilitación do muro antigo da igrexa; e a Comunidade de Villaouruz, da Pontenova, recibe 5.699,36€ para a colocación dun canalón e as baixantes, e o encintado de fachadas exteriores do local social.

O obxectivo da Deputación con este programa é apoiar aos colectivos para que poidan acometer obras en servizos, equipamentos e infraestruturas que inciden no día a día dos veciños, tales como pistas, accesos, locais sociais, traídas de auga, fontes ou espazos públicos comunais.

Admitidos no Coñece a túa provincia

Aprobada a listaxe provisional das 80 entidades admitidas no programa Coñece a túa provincia, dos 222 colectivos que se incorporan á lista de agarda e das 11 propostas para desestimar.

A Deputada salientou o éxito da iniciativa, que recibiu máis de 310 solicitudes. “Puxémolo en marcha para fomentar o turismo de proximidade na provincia e favorecer a actividade económica no sector turístico, no comercio e na hostalería, e mantémolo pola boa acollida que ten, tanto pola xente que fai as viaxes, como polo propio sector”, asegurou.

Noutra orde de asuntos, a Xunta de Goberno aprobou a licitación dun contrato para o mantemento e reparacións dos vehículos da Deputación cun orzamento de 22.990 euros. O contrato é por un ano, con posibilidade de dúas prórrogas anuais.

Ademais, déuselle o visto bo ó contrato para subministrar o gas natural nas dependencias da Deputación en base a un acordo coa Federación Española de Municipios e Provincias. Adxudícaselle á empresa Gas Natural Comercializadora S.A. por case 109.000€ para un ano.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15239500999451