A Deputación aproba reforzar a cooperación cos concellos e co tecido asociativo

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Deputación provincial aproba no Pleno reforzar con 5M€ a cooperación cos concellos e co tecido asociativo
Pleno febreiro da Deputacion de Lugo
1 Mar 2023

A Deputación incorpora estes fondos procedentes dos remanentes de tesourería para impulsar medidas que axuden ao desenvolvemento económico do territorio, tal e como explicou a Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas.

A Deputación de Lugo aprobou durante o Pleno ordinario celebrado este martes, cos votos a favor dos grupos do PSdeG e o BNG, a incorporación de remanentes de tesourería ao Orzamento 2023 da Deputación de Lugo por un importe de algo máis de 5M€. Unha cantidade que servirá para reforzar a cooperación cos concellos e co tecido asociativo da provincia, segundo explicou a Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Mayra García Bermúdez, quen apuntou que se trata de algo “fundamental para o desenvolvemento do noso territorio, porque tradúcese en contribuír na mellora dos servizos que ofrecemos ós nosos veciños e veciñas”.

O presidente da Deputación, José Tomé Roca, defendeu a xestión de fondos da institución provincial, ao tempo que lembrou a idoneidade de que a Xunta de Galicia tome nota e estableza un reparto similar ao Plan Único provincial. Un programa que segue criterios públicos e obxectivos á hora de distribuír recursos económicos, dotado este ano con 21,5M€. O mandatario provincial incidiu en que, “coma sempre, os remanentes se distribúen entre os concellos para a inversión ou o gasto corrente que poidan necesitar nun momento determinado”.

García Bermúdez desgranou as aplicacións orzamentarias do suplemento de crédito, que ascende aos 5.097.822,52€. En concreto, a responsable de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas da Deputación sinalou que estes fondos estarán destinados á promoción cultural, á mocidade, aos deportes, ao medio rural, ao turismo, á atención aos cidadáns e ás entidades locais.

Durante a súa intervención, García Bermúdez defendeu ademais a “utilidade” da acción do Goberno provincial poñendo como exemplo o traballo en materia de benestar social ou de mobilidade, sinalando que “neste mandato puxemos a disposición da cidadanía 271 prazas de atención asistencial para maiores e estamos á espera doutras 29, cando a Xunta nos conceda o PIA do centro de Ribas de Sil”, un servizo co que “xeramos en total 172 empregos directos”. Tamén engadiu que “fomos quen de amañar 400 quilómetros de estradas provinciais destinando 22M€”.

O Pleno aproba tamén unha Declaración Institucional con motivo do Día Internacional da Muller.

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou no Pleno ordinario celebrado este martes unha Declaración Institucional con motivo do Día Internacional da Muller na que reivindican a loita pola igualdade, plena e efectiva, e os valores do feminismo, factores esenciais para acadar unha sociedade xusta e para a mellora da democracia. Os grupos políticos con representación no organismo provincial -PSdeG, BNG e PPdeG- votaron a favor dun texto acordado previamente nunha Xunta de Voceiros e Voceiras convocada polo Presidente provincial, José Tomé Roca.

Na declaración, a Deputación fai fincapé na necesidade de garantir que os avances científicos e o desenvolvemento das novas tecnoloxías non xere un novo modelo de exclusión tecnolóxica da muller ou mesmo dea orixe a novas situacións de desigualdade ou violencia. Así mesmo, apoia o desenvolvemento de iniciativas que poñan en valor a presencia da muller no eido da ciencia e da tecnoloxía.

Podes ler a declaración neste enlace

O BNG dá un novo impulso á demanda dun xulgado específico de violencia de xénero.

O Pleno provincial aprobou por unanimidade a moción do BNG para reclamar ao goberno do Estado a creación dun xulgado específico de violencia de xénero en Lugo.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo e deputada nacionalista Maite Ferreiro reiterou a necesidade deste xulgado exclusivo para garantir unha atención integral ás vítimas as 24 horas e os 365 días do ano, lembrando que se trata dunha demanda histórica do BNG e do movemento feminista avalada tamén polos informes do Observatorio Estatal contra a Violencia de Xénero que, na súa última memoria anual publicada -do 2020- recolle recomendacións neste sentido.

Maite Ferreiro sinalou que o xulgado do penal que leva os casos de violencia de xénero non “conta con todo o persoal especializado e formado en violencia de xénero necesario, polo que as mulleres que denuncian non teñen garantida a atención psicolóxica nin o seu traslado a lugares de acollida fóra de Lugo durante as fins de semana”.

A deputada nacionalista concluíu a súa intervención incidindo na necesidade de poñer os recursos e medios para que “as vítimas que reúnen forzas para facer a denuncia se sintan informadas, acompañadas, protexidas e seguras de que non corre perigo a súa vida ou a dos seus fillos e fillas”.

Lei Integral de Cultura

O Pleno tamén abordou unha proposta de goberno, impulsada polo BNG, na que se demanda á Xunta de Galiza a elaboración dunha lei que garanta os dereitos culturais da cidadanía e impulse o sector cultural galego, cunha dotación orzamentaria suficiente e unha actualización que atenda ás novidades que se produciron neste ámbito, especialmente ás ligadas ao mundo dixital e ás novas formas de acceso e difusión cultural.

A proposta urxe á Xunta de Galiza a consensuar este marco normativo, tendo en conta as demandas do sector.

No trascurso do pleno, o BNG deixou patente a hipocresía e demagoxía do Partido Popular no debate sobre a Lei de Liberdade Sexual.

“Se existe algún erro que poida ser subsanado, terá que corrixirse, pero non invalida a totalidade dunha lei que recoñece por primeira vez a violencia sexual como violencia machista e sitúa o consentimento como elemento central para determinar a existencia ou non dun delito de violación , non no de grao de resistencia ofrecido polas vítimas como acontecía ata agora”, sostivo Efrén Castro

O voceiro nacionalista acusou ao PP de “mentir empuxado pola ultradereita” no debate sobre a norma e lembrou que “o Partido Popular non emendou nada da lei para corrixir o que agora di aquí. Pódese ir ao libro de sesións e velo”, concluíu.

O PP cre que Tomé usará 5,1 millóns, que deberían ser para ampliar o Plan Único, para beneficiar electoralmente a concellos gobernados polo PSOE e o BNG.

O portavoz popular, Javier Castiñeira, di que no pleno “vénse a confirmar a falta de vontade que ten o goberno da Deputación de Lugo, o bipartito PSOE-BNG, para ampliar o Plan Único, que reparte 21,5 millóns de euros neste ano, que é exactamente a mesma cantidade que no 2022; polo tanto, non é que estea conxelado, é que é unha devaluación clara dos fondos de cooperación cos concellos, posto que a vida subiu e son moitas menos as obras que se poden facer”.

Castiñeira lembra que, “cando se aprobou o Plan Único, o PP pediu que se pasase dos 21,5 millóns ata chegar polo menos a 25; o goberno provincial dicía entón que como se ía ampliar a dotación do plan, porque non había cartos e de onde os ían sacar”. Engade: “Nós dixemos que se podían sacar dese remanente que usan sempre para convenios de Presidencia; como todos os anos, tamén neste pleno veñen cinco millóns de euros, mediante modificación do orzamento, que deberan ser para ampliar o Plan Único”.

Os populares lamentan que a citada cantidade sexa “para eses convenios que teñen obxectivos partidistas e electoralistas”. Castiñeira explica: “Son convenios directos a alcaldes amigos, que deixan fóra á metade da poboación da provincia. Unha vez máis, demóstrase que si había posibilidade de ampliar o Plan Único, pero non quixeron; é unha cuestión de vontade política, porque PSOE e BNG prefiren repartir eses cartos nos concellos que eles desexan e non entre todos”. A mellor proba de que é así –din os populares- “ son os convenios de 2022: dos 49 convenios que se firmaron no pasado exercicio, 35 foron para alcaldes socialistas, con un valor de case 4,2 millóns de euros; un millón de euros, en doce convenios, para concellos do BNG, que só goberna en catro; un único convenio entre os 32 concellos gobernados por alcaldes do PP. Esa é a demostración da falta de obxectividade deste equipo de goberno”.

Castiñeira di: “Lamentablemente estes 5,1millóns de euros, que aprobaron, co voto en contra do PP, que deberían ir ao Plan Único, irán para facer política electoralista; pola falta de transparencia, o PP vai votar en contra”.

maite bng deputacion
0.18566417694092