A Deputación de Lugo achegará 110.000 euros para realizar melloras en varias estradas municipais de Láncara
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou diferentes convenios de colaboración para mellorar as dotacións e os servizos públicos dos veciños e veciñas de Láncara, Trabada, O Vicedo e Quiroga.
Así o informou o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, que enmarcou estas achegas na acción estratéxica do Goberno provincial para cooperar cos 67 concellos da provincia.
Detallou Rivera Capón que en Láncara, a institución provincial achegará 110.000 euros para realizar melloras en varias estradas municipais e para adquirir un vehículo tipo SUV.
O Concello lancarés completará o investimento con máis de 32.000 euros para chegar a un orzamento conxunto que superará os 142.000 euros.
Concretamente, este investimento irá destinado ao acondicionamento de camiños municipais que dan acceso a lugares de montaña como Esfarrapa, Casablanca, O Furco e A Cortella, na parroquia de Santiago de Cedrón; e camiños de acceso a Bustelo, na parroquia de Vilouzán. Unhas actuacións que contemplan melloras do firme, que inclúen tarefas de limpeza e asfaltado.
Tamén se adquirirá, con cargo a esta achega, un vehículo tipo SUV co obxectivo de reforzar servizos básicos e modernizar o parque móbil municipal.