A Deputación de Lugo adxudica 100.000 euros para patrocinar a etapa 15 da Vuelta a España 2025

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou a adxudicación do contrato de patrocinio con La Vuelta a España 2025, co que a institución provincial apoiará con 100.000 euros o desenvolvemento da etapa 15, que terá como protagonistas ás comarcas da Montaña e da Ribeira Sacra.
Esta etapa, con perfil de media montaña, contará cun percorrido de 167 quilómetros que atravesará puntos destacados nos concellos da Fonsagrada, Castroverde, Láncara e Sarria, para rematar na meta situada no Concello de Monforte de Lemos, capital da Ribeira Sacra.
Pilar García Porto, voceira socialista do Goberno, destacou que a colaboración formalizarase coa empresa organizadora, Unipublic, e subliñou que apostar por La Vuelta forma parte da estratexia da Deputación para impulsar o desenvolvemento social, económico e turístico da provincia mediante a proxección internacional do territorio a través de eventos de gran impacto mediático.
Segundo un informe da organización, o retorno económico deste patrocinio para Lugo supera os 3 millóns de euros, o que significa que cada euro investido pola Deputación xera 36,47 euros, baseado na presenza en medios impresos, televisións nacionais e internacionais, sitios web e redes sociais.
García Porto sinalou que La Vuelta é unha plataforma de proxección mundial única, situada á altura do Giro de Italia e do Tour de Francia, seguida por máis de 17 millóns de espectadores en máis de 190 países. Esta proba é, por tanto, unha das mellores maneiras de levar ao plano internacional a oferta turística da provincia, apostando por un turismo de calidade, sostible e respectuoso co medio ambiente.
Ademais do impacto económico e turístico, a organización dun evento deste calibre mobiliza arredor de 3.000 persoas e xera 600 empregos directos e 2.000 indirectos, contribuíndo directamente a incrementar a actividade na hostalaría, turismo e comercio local. Con este patrocinio, a Deputación sitúa a Lugo no mapa internacional, promovendo os seus valores, cultura e territorio con ferramentas modernas e sostibles, rematou García Porto.