A Deputación de Lugo adxudica a mellora da LU-P-5712 entre Barbadelo e Vilei

SarriaXa
As obras, cun orzamento de 80.000 euros e un prazo dun mes, inclúen reafirmado, pintado e reposición da sinalización
Pilar-García-Porto
26 Sep 2025

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo acordou aprobar a adxudicación das obras de mellora da estrada LU-P-5712, que conecta a parroquia de Barbadelo co núcleo de Vilei en Sarria, por un importe de 80.000 euros. A empresa encargada dos traballos será CHOLO SL, que actuará ao longo de toda a vía.

As actuacións inclúen a reapertura de cunetas, o reafirmado co estendido do aglomerado en quente, o pintado da estrada e a reposición da sinalización vertical. O prazo de execución previsto unha vez comecen os traballos será dun mes.

A voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, destacou que “seguimos sacando adiante proxectos para rehabilitar e conservar a rede de estradas provinciais, sempre co obxectivo de mellorar a calidade de vida de todos os veciños e veciñas. Neste caso concreto, podemos dicir que esta é unha actuación especialmente relevante para a veciñanza destas entidades de poboación, situadas a pouco máis dun quilómetro, xa que permitirá incrementar de maneira moi significativa a seguridade viaria e facilitar as comunicacións diarias”.

⚙ Configurar cookies
0.10467386245728