A Deputación de Lugo concede axudas ás asociacións Sarria Futbolín e Os Carro x Catro
A Deputación de Lugo vén de anunciar a concesión dunha axuda de 3.000 euros a cada unha das asociacións, Sarria Futbolín e Os Carro x Catro, como recoñecemento ao seu labor no ámbito deportivo e cultural no Concello de Sarria.
A asociación Sarria Futbolín destacou nos últimos anos pola promoción deste deporte entre a veciñanza, organizando competicións e actividades que fomentan a participación e o espírito deportivo. Son os encargados de organizar o máster nacional de futbolín de Sarria e que este ano 2025 chegará a súa décimo terceira edición.
Pola súa parte, Os Carro x Catro leva tempo traballando na dinamización cultural da zona, axudando nos preparativos da ruta 4x4 da comarca e que contou no ano 2024 con 580 participantes.
Estas axudas, segundo a Deputación, enmárcanse no compromiso da institución co apoio ao tecido asociativo da provincia, especialmente en iniciativas que promovan a convivencia, o deporte e a cultura nos concellos lucenses.
Esta achega, sumada a outras contribucións que puideran ser municipais, será fundamental para continuar coas súas actividades e proxectos en beneficio da comunidade.