A Deputación de Lugo critica a esixencia dos populares de ampliar a estrada LU-P-4206 que pasa por Paradela
O Grupo Provincial Popular vén de pedir no Pleno provincial do mes de setembro impulsar a continuación e construción da vía provincial LU-P-4206 á beira do río Miño á altura de Paradela ao que o presidente da Deputación de Lugo contestou que a Xunta non autorizou estas obras no 2008.
José Tomé Roca explicou que os técnicos da Administración galega foron os que rexeitaron o proxecto para continuar esta vía ao tempo que lle contestou á bancada popular ao acusar ao Goberno provincial de non traballar por mellorar a rede viaria provincial. “Nós levamos arranxados moitos quilómetros de estradas, pero xa lles adianto que non se van facer quilómetros novos de estradas porque agora mesmo temos a maior rede de estradas do Estado con 4.400 quilómetros e o seu mantemento é moi difícil, os recursos son limitados”, sostivo Tomé.
Ademais, sostivo que a Xunta debería facerse coa titularidade de vías de comunicación principais que ten agora mesmo a Deputación, "pois sería a solución para poder telas en mellor estado de conservación" e ademais criticou que se diga que hai máis orzamento que antes, "porque non é así, é inviable atender máis quilómetros de estradas tendo menos presupostos que outras provincias, porque temos menos habitantes e, polo tanto, recibimos menos, esa é a realidade”, concretou o presidente.
Así, explicou que a Xunta ten de orzamento 12.600 millóns de euros e atende unha rede viaria de 5.500 quilómetros, mentres que a Deputación con 100 millóns de euros conta cunha rede de 4.400.
Consecuencias da ampliación da estrada
Por outra parte, o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, criticou que o PP “só fai un suma e segue, e continúa reclamando obras imposibles porque, neste caso, unha ampliación desta estrada suporía poñer en risco a pervivencia do noso patrimonio”, explicou, facendo referencia ao mosteiro de San Facundo de Ribas de Miño, en Paradela, que está catalogado como Ben de Interese Cultural.
“A este Pleno chegan queixas reiteradas dos concellos de todas as cores políticas, e a torre de Caldaloba tense convertido no emblema desa heráldica da miseria que propón o PP para a conservación do noso patrimonio”, afirmou Rivera Capón.
O deputado acusou aos populares de contar medias verdades, pois “se vostedes estivesen de verdade preocupados pola mobilidade e o turismo na Ribeira Sacra, mesmo podería ter feito algunha suxestión sobre un cambio de trazado ou algunha alternativa que non poña en risco o noso patrimonio”. “Se lles preocupa o turismo e o desenvolvemento desta comarca poderían pedirlle á Xunta que desenvolva un plan de mellora desta comarca, con obras nas estradas que dean un servizo óptimo a estes concellos e ao turismo”, concluíu.