A Deputación de Lugo destina máis de 40.000 euros a melloras en Sarria tras unha proposta do grupo socialista

SarriaXa
O investimento permitirá a rexeneración e renovación de vías municipais e a adquisición de novo material de fisioterapia para a residencia de maiores
Benjamín-Escontrela,-PSOE-Sarria
7 Jun 2025

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou a aplicación de máis de 40.000 euros procedentes de remanentes do Plan Deputación 2024 para financiar novas actuacións no concello de Sarria.

A medida responde ás propostas trasladadas pola Agrupación Socialista de Sarria, que puxo en valor esta colaboración institucional co organismo provincial.

O investimento permitirá acometer dúas intervencións consideradas prioritarias: a rexeneración e renovación de vías municipais nos accesos a Ferreiros e Tremeado, cun importe de 37.152,74 euros, e a adquisición de novo material de fisioterapia para a residencia de maiores Nosa Señora do Carme, cunha achega de 2.850 euros.

Desde o grupo socialista sarrián subliñan que estas actuacións son froito do diálogo institucional e do traballo desde a oposición para mellorar os servizos públicos.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Sarria, Benjamín Escontrela, agradeceu o compromiso do presidente da Deputación, José Tomé Roca, e destacou o impacto destas melloras na vida cotiá da veciñanza, incidindo na mellora da seguridade viaria e na atención ás persoas maiores.

Escontrela sinalou que "mesmo desde a oposición é posible facer política útil con resultados reais", comprometéndose a seguir colaborando coas administracións que apoian o municipalismo.

⚙ Configurar cookies
0.16998195648193