A Deputación de Lugo e o Concello de Láncara asinan un novo convenio de colaboración por 140.000 euros

SarriaXa
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, subliñou que nos últimos 5 anos a Deputación de Lugo achegou a Láncara máis de 3 millóns de euros
presidente-da-Deputación-de-Lugo-en-Láncara
20 Dec 2024

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, supervisou diferentes investimentos que a institución provincial acometeu no municipio lancarés por máis de 3 millóns de euros desde o 2019.

José Tomé Roca felicitou ao alcalde, Darío Piñeiro, pola súa visión de Láncara e o “cambio tremendo” que deu o municipio desde que regresou á Alcaldía.

Tomé subliñou que nos últimos 5 anos a Deputación de Lugo achegou a Láncara máis de 3 millóns de euros no marco do compromiso que a institución provincial ten cos 67 concellos da provincia.

“Na medida das nosas posibilidades, temos que apoiar a todos os concellos, pero sobre todo aos máis pequenos, e esixir que nestes se presten os servizos públicos coa mesma calidade e universalidade que se fai nos máis grandes, porque os dereitos constitucionais dos cidadáns non poden variar ou diminuír en función do lugar de residencia”, apuntou.

Pola súa banda, o rexedor agradeceu ao presidente a súa lealdade institucional e a colaboración con todos os concellos da provincia, en especial cos máis pequenos e reclamou máis atención por parte da Xunta de Galicia.

NOVO CONVENIO DE COLABORACIÓN

As autoridades supervisaron as obras realizadas na rotonda de acceso ao núcleo da Pobra de San Xiao, a rúa Benigno Quiroga, a rúa das vivendas sociais e pararon tamén diante do mural de Diego AS; percorreron os traballos de acondicionamento realizados na rúa Alfonso Cela e na rúa Río Neira; e trasladáronse á Casa do Concello para asinar un novo convenio de colaboración entre ambas entidades por importe de 140.000 euros.

Este acordo, a través do que a institución provincial achegará a Láncara 110.000 euros, servirá para realizar melloras en varias estradas municipais e para adquirir un vehículo tipo SUV. Concretamente, este investimento irá destinado ao acondicionamento de camiños municipais que dan acceso a lugares de montaña como Esfarrapa, Casablanca, O Furco e A Cortella, na parroquia de Santiago de Cedrón; e camiños de acceso a Bustelo, na parroquia de Vilouzán.

Unhas actuacións que contemplan melloras do firme, que inclúen tarefas de limpeza e asfaltado. Tamén se adquirirá, con cargo a esta achega, un vehículo tipo SUV co obxectivo de reforzar servizos básicos e modernizar o parque móbil municipal.

Aproveitaron a súa visita á Casa Consistorial para percorrer as instalacións municipais e comprobar as actuacións que se fixeron con cargo ao Programa Impulsa TIC para a transformación dixital dos concellos co que a Deputación captou máis de 4 millóns de euros de fondos europeos.

Nese sentido, a Deputación de Lugo achegou a Láncara preto de 85.000 euros para un total de 15 actuacións baseadas en mellorar a interoperabilidade, a crear unha administración máis resiliente coa automatización e dixitalización dos plenos e á mellora da súa transparencia.

0.15800189971924