A Deputación de Lugo financiará o matadoiro de Sarria cun achega de 50.000 euros

SarriaXa
O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, celebrou “que a iniciativa e o impulso desde a Deputación de Lugo sirva para dar continuidade e estabilidade ao matadoiro municipal de Sarria
reunión-dos-alcaldes-da-comarca-de-Sarria-matadoiro
11 Dec 2024

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo financiará cun achega de 50.000 euros para a continuidade do matadoiro de Sarria como servizo público, tal como comprometera na reunión mantida con alcaldesas e alcaldes da comarca.

A área de Rural ratificou ao Concello de Sarria a disposición a poñer en marcha os trámites para formalizar un convenio de colaboración institucional que canalice a axuda, con cargo ao orzamento de 2025.

A comunicación formal, remitida ao Concello de Sarria, responde ao escrito presentado pola administración municipal, solicitando a tramitación do convenio “coa finalidade de garantir que os servizos públicos do matadoiro se presten a través dunha xestión pública”.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, celebrou “que a iniciativa e o impulso desde a Deputación de Lugo sirva para dar continuidade e estabilidade ao matadoiro municipal de Sarria, que estaba en entredito” e incidiu na importancia “de manter o seu funcionamento público, garantindo prezos estables e ponderados para ganderías, carnizarías e veciñas e veciños de toda a comarca que utilizan este servizo”.

Efrén Castro ofrecera a colaboración da entidade provincial para o mantemento do matadoiro nunha reunión que mantivo o pasado 20 de novembro con alcaldesas e alcaldes da comarca de Sarria no Pazo de San Marcos, ligando o apoio económico ao funcionamento público do servizo.

0.15374684333801