A Deputación de Lugo inicia os traballos para o arranxo da estrada provincial LU-P-0503

LugoXa | SarriaXa
Esta actuación, que conta cun investimento de máis de 110.000 euros, afecta á práctica totalidade da vía, desde o seu inicio en Baralla ata Láncara
-traballos-na-estrada-LU-P-0503-Baralla-Láncara
22 Ago 2024

A Deputación de Lugo vén de iniciar os traballos para o arranxo da estrada provincial LU-P-0503, que é a que conecta Baralla e Láncara.

Esta actuación, que conta cun investimento de máis de 110.000 euros, afecta á práctica totalidade da vía, desde o seu inicio en Baralla ata o punto quilométrico 10,5.

As obras, que está a levar a cabo a empresa Grupo Bascuas 2008, teñen un prazo de execución estimado de tres meses.

O proxecto inclúe diversas intervencións para mellorar o estado da estrada e incrementar a seguridade vial. Concretamente, os traballos consistirán na reapertura de cunetas para garantir unha correcta drenaxe das augas, na reparación dos afundimentos e desperfectos existentes, e na repavimentación.

Estes traballos permitirán unha maior durabilidade do firme, mellorando a adherencia e reducindo o risco de accidentes. Esta actuación é de gran importancia, xa que a estrada LU-P-0503 non só comunica os municipios de Baralla e Láncara, senón que tamén dá servizo directo ás parroquias de Aranza, Santa María de Pol e Vale.  Ademais, a vía é moi empregada para o transporte de mercadorías, especialmente polas empresas madereiras da zona.

Outro aspecto destacado é que esta estrada é punto de conexión entre Baralla e a estrada autonómica LU-636, que une Sarria e Becerreá, polo que supón unha mellora na seguridade, na comodidade e na comunicación para o desprazamento dos veciños e veciñas da zona.

0.052759885787964