A Deputación de Lugo investirá máis de 1,1 millóns de euros para mellorar as estradas provinciais

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | RibeiraSacraXa
Ademais, a Xunta de Goberno aprobou tamén diferentes colaboracións con concellos e co tecido asociativo da provincia
311024--Xunta-de-Goberno---Pilar-García-Porto
15 Nov 2024

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo licitou investimentos por máis de 1,1 millóns de euros para continuar mellorando as estradas provinciais, impulsar infraestruturas, servizos públicos e equipamentos en 11 concellos e entidades da provincia.

No que ten que ver coas estradas provinciais, a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, informou da licitación de tres proxectos, por máis de medio millón de euros, que beneficiarán de xeito directo aos concellos de Portomarín, Lugo, O Corgo, Abadín e Vilalba.

En Portomarín, a Deputación acondicionará un tramo de dous quilómetros da LU-P-4901, que é a que conecta a aldea de Camporredondo coa parroquia de Castromaior, por Nespereira. O prezo de licitación é de preto de 64.000 euros e o proxecto inclúe a reapertura de cunetas e a reparación do pavimento. Os traballos serán desde o inicio da vía ata o punto quilométrico 2,022 e terán un prazo de execución de 2 meses desde o inicio das obras. Trátase dunha actuación importante porque esta vía provincial enlaza a estrada nacional 540 e a autonómica LU-633, ambas con moito tráfico.

Entre os concellos de Lugo e O Corgo, a institución provincial acondicionará preto de 6 quilómetros da LU-P-2904, que comunica parroquia lucense de Conturiz co Concello do Páramo. O prezo de licitación é de case 267.000 euros e as obras, que se estenderán desde o quilómetro 3,717 ata o 9, incluirán limpeza de cunetas, drenaxe, pavimentación e sinalización, cun prazo de execución de dous meses. Esta estrada é “clave”, en palabras de García Porto, porque dá servizo directo a cinco parroquias: Santo André de Castro e San Xoán de Pena, en Lugo; e Chamoso, Paradela e Quinte, no Corgo. Así mesmo, dá acceso a rutas de sendeirismo, e soporta un alto volume de tráfico agrícola, o que provoca un importante desgaste.

Entre os concellos de Abadín e Vilalba, a institución provincial acometerá obras en dous treitos da LU-P-0106. Por unha banda os primeiros 600 metros, e por outra o tramo comprendido entre os quilómetros 2,920 e 6,043. “Estas melloras son clave para as comunicacións na comarca chairega”, xa que a estrada conecta a vía autonómica LU-113, que vai de Rozas a Abadín, coa Nacional 634.

Cooperación cos concellos e o tecido asociativo

A Xunta de Goberno aprobou tamén diferentes colaboracións con concellos e co tecido asociativo da provincia, por un importe que supera o medio millóns de euros e “do que se beneficiarán centos de veciños e veciñas”, subliñou García Porto.

En concreto, a Deputación destinará máis de 100.000 euros para mellorar a cuberta do colexio de Zanfoga, en Pedrafita do Cebreiro; e outros 133.000 euros para repoñer a da Casa da Cultura en Vilalba.

Achegará 110.000 euros para dotar a Navia de Suarna dunha nova área recreativa en Barciabel, nunha parcela de 18.000 m². Os traballos incluirán a creación dunha senda circular e a instalación de mobiliario urbano.

Colaborará tamén con Ribas de Sil por un importe de 115.000 euros para diferentes actuacións como dotar ao cámping de instalación eléctrica, mellorar a eficiencia enerxética do alumeado público, e pavimentar diferentes camiños municipais.

Na Fonsagrada, a institución provincial achegará outros 115.000 euros para acondicionar diferentes accesos e vías municipais, principalmente na parroquia do Vieiro, no barrio de Fondo de Vila e en varios núcleos de Maderne e Lamas de Moreira.

Ademais, a Deputación acordou unha achega de 18.000 euros co Casino Ateneo de Monforte de Lemos para a reforma dos baños da súa sede.

0.16882801055908