A Deputación de Lugo investirá máis de 200.000 euros en catro estradas do sur da provincia

SarriaXa | RibeiraSacraXa
Estas estradas pasan polos concellos de Sarria, Pantón, Monforte de Lemos e O Saviñao
obras-na-LU-P-3202,-no-Saviñao
17 May 2025

A Deputación de Lugo aprobou un novo investimento de máis de 200.000 euros para a mellora de 4 estradas ao seu paso polos concellos de Sarria, Pantón, Monforte de Lemos e O Saviñao.

Por unha banda, sacou adiante a licitación dun proxecto para a rehabilitación do firme da LU-P-5712, que é a vía que une en Sarria, Barbadelo e Vilei.

Os traballos terán un orzamento de 85.779,71 euros, un prazo de execución de dous meses e afectarán á totalidade da vía. “Unha actuación importante para a veciñanza que vive nestas entidades de poboación ás que separa pouco máis dun quilómetro”, valorou o deputado Rivera Capón, que concretou que as obras consistirán na reapertura de cunetas, afirmado co estendido aglomerado en quente, pintado da vía e reposición da sinalización vertical.

E doutra banda, a Xunta de Goberno licitou un proxecto para a rehabilitación do firme de diferentes tramos de tres estradas provinciais na confluencia dos concellos do Saviñao e Pantón cun orzamento de 118.891,78 euros.

Concretamente, mellorarase preto dun quilómetro da LU-P-4102, que é a que vai de Ferreira a Currelos desde a Nacional 120 a autonómica LU-611, á altura de Escairón. E nesa mesma vía reporase a sinalización desde o límite intermunicipal e a altura da Páxara, no cruce co corredor.

Ademais, rehabilitarase tamén por tramos a LU-P-3202, de Monforte a Currelos e a LU-P-3208 de Seoane a Pol por Cinsa, en Monforte. As obras consistirán na reapertura de cunetas, pavimentación e pintado das vías, terán un prazo de execución de tres meses e son vías importantes para as comunicacións da Ribeira Sacra.

⚙ Configurar cookies
0.14183497428894