A Deputación de Lugo renova o apoio ao matadoiro municipal de Sarria con 50.000 euros

SarriaXa
A Vicepresidencia provincial mantén a colaboración co Concello para garantir a xestión pública da instalación e reforza tamén a Festa do Cocido do Porco Celta
acordo-Camiña-Sarria-e-Vicepresidencia
29 Jan 2026

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo renovou o seu apoio á actividade do matadoiro municipal de Sarria cunha achega de 50.000 euros, a través da área de Rural, co obxectivo de colaborar no financiamento desta infraestrutura e dar continuidade á colaboración iniciada o ano pasado para garantir a súa xestión pública.

O vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, e o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, deron conta da renovación deste acordo, que contribúe a soster un servizo considerado fundamental tanto para a veciñanza como para os sectores gandeiro e cárnico da comarca.

Efrén Castro explicou que esta achega permite dar continuidade á colaboración iniciada no 2025, co propósito de manter a xestión pública do matadoiro e contribuír a asumir o custo económico que supón para o Concello. O vicepresidente encadrou esta colaboración no apoio ao sector gandeiro da comarca e na aposta pola valorización dos produtos de proximidade e de calidade, subliñando a importancia estratéxica deste tipo de servizos para o medio rural.

No mesmo acto, Castro anunciou tamén unha achega adicional de 10.000 euros para a organización da Festa do Cocido do Porco Celta, que se celebrará o vindeiro sábado, 31 de xaneiro, no campo da feira de Sarria. Segundo destacou, trátase dunha celebración popular que reflicte a tradición da produción gandeira e cárnica no municipio e contribúe á promoción da calidade destes produtos.

Pola súa banda, o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, salientou que a colaboración da Vicepresidencia da Deputación reforza a Festa do Cocido do Porco Celta e abre novas posibilidades para aspirar ao seu recoñecemento como festa de interese galego. Durante o acto, o Concello, que organiza a celebración en colaboración coa Asociación de Hostaleiros da Comarca de Sarria, confirmou ademais que aínda quedan dispoñibles as últimas prazas para participar no xantar popular, no que se servirá cocido con chourizos, lacón, butelo, espinazo e cachola de Porco Celta.

⚙ Configurar cookies
0.072137832641602