A Deputación de Lugo rexeita ceder a Casona do Incio ao Concello
Os deputados do Grupo Provincial Popular criticaron o que consideran “unha falta de apoio” de PSOE e BNG aos veciños do Incio e ao patrimonio da provincia de Lugo despois de que o goberno provincial rexeitara ceder a Casona do Incio ao Concello e denegase un convenio de 250.000 euros destinado á rehabilitación do inmoble.
O deputado provincial e alcalde de O Incio, Héctor Corujo, lamentou esta decisión, cualificándoa de “dar as costas aos veciños do Incio e abandonar un edificio de alto valor patrimonial”. Corujo destacou a contradición dentro do partido socialista, xa que no pleno celebrado no Concello do Incio o pasado 30 de decembro de 2024, os concelleiros socialistas votaron a favor da cesión e da axuda económica para a rehabilitación, mentres que no pleno da Deputación PSOE e BNG votaron en contra.
Héctor Corujo criticou á Deputación por abandonar a Casona do Incio malia comprometerse en diversas ocasións a súa rehabilitación. “Cada día que pasa, o edificio está en peor estado, e os gobernos provinciais non cumpriron co prometido”, denunciou.
UN TEMA RECORRENTE
O alcalde lembrou que tanto os veciños do Incio como o Partido Popular levaron a cabo múltiples iniciativas para a recuperación da Casona. En agosto de 2018, veciños do municipio concentráronse para esixir a rehabilitación do inmoble, mentres que en xullo de 2021, o Grupo Provincial Popular conseguiu a aprobación unánime dunha moción para instar á Deputación a acometer a rehabilitación integral.
Porén, segundo Corujo, as únicas accións realizadas pola Deputación ata o de agora limitáronse a apuntalar o edificio. “É unha actuación necesaria, pero totalmente insuficiente e lonxe da rehabilitación integral comprometida”, engadiu.
No pleno da Deputación celebrado en novembro de 2024, o goberno provincial respondeu a unha pregunta do Grupo Provincial Popular anunciando unha proposta para a cesión gratuíta da Casona ao Concello do Incio. Héctor Corujo mostrou entón disposición para negociar, pero insistiu na necesidade de acometer melloras no estado do inmoble.
Agora, coa recente votación en contra da cesión e do convenio de rehabilitación, Corujo acusa ao presidente da Deputación, José Tomé, de “gobernar só para uns poucos, abandonando o resto da provincia”.
Corujo finalizou reiterando o seu compromiso cos veciños do Incio e co patrimonio cultural da provincia. “Non permitiremos que a Casona do Incio quede abandonada á súa sorte. Seguiremos defendendo o que é xusto para o noso municipio e para o futuro deste edificio emblemático”, afirmou.
O Grupo Provincial Popular insta agora a PSOE e BNG a reconsiderar a súa postura e a priorizar a recuperación dun inmoble de grande importancia histórica e cultural para a provincia.