A Deputación dedica 30.000 euros ao impulso dos pequenos comercios

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O presidente, José Tomé Roca, asinou un acordo de colaboración co presidente da Federación de Comercio, José María Seijas, para apoiar o funcionamento da oficina técnica que o colectivo ten en Lugo e na que traballan 8 persoas para informar e asesorar aos establecementos e asociacións do sector.
deputacion-lugo-san marcos
13 May 2024

O presidente, José Tomé Roca, asinou un acordo de colaboración co presidente da Federación de Comercio, José María Seijas, para apoiar o funcionamento da oficina técnica que o colectivo ten en Lugo e na que traballan 8 persoas para informar e asesorar aos establecementos e asociacións do sector.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este martes no Pazo de San Marcos un acordo de colaboración co presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas López, a través do que a institución provincial achega 30.000 euros ao colectivo para o funcionamento da oficina técnica de información e asesoramento ao comercio da provincia, un servizo que conta con 8 traballadores.

José Tomé afirmou que institución provincial renova esta colaboración no marco do seu compromiso de seguir apoiando ao tecido empresarial porque “manter unha oficina de asesoramento é crucial para o seu desenvolvemento e crecemento”. “Seguimos traballando para impulsar a economía local e brindar oportunidades aos emprendedores, axudarlles no seu día a día, dándolles respaldo e os recursos necesarios para que poidan desenvolver a súa actividade. Os nosos comerciantes locais son máis que simplemente vendedores: son membros activos e valiosos da nosa comunidade”.

Para o mandatario provincial é “moi importante que estas oficinas estean en Lugo porque supón unha vantaxe importante para os comerciantes da nosa provincia que se poden achegar en persoa dende os seus negocios a resolver calquera dúbida ou realizar calquera xestión cos técnicos, ao igual que tamén os técnicos acoden aos comercios para informarlles en persoa de campañas ou proxectos que están desenvolvendo, por exemplo”, resaltou.

Nas súas palabras puxo en valor o asesoramento que prestan dende a Federación porque “contribúe a mellorar e potenciar a competitividade do comercio de proximidade”. “A Deputación é consciente do papel fundamental que teñen os pequenos negocios na economía local e provincial e na xeración de emprego”. Así mesmo, incidiu en que esta axuda servirá para traballar nos retos que teñen por diante, “que pasan por sensibilizar aos consumidores da importancia de mercar nos establecementos de proximidade, recuperar e incentivar os hábitos de compra tradicionais e o consumo, ademais de impulsar a dixitalización do sector”.

Asesoramento técnico aos negocios

A oficina técnica da Federación Galega de Comercio ten a súa sede en Lugo, na Ronda da Muralla, e conta no seu cadro de persoal con sete técnicos e un administrativo que realizan tarefas técnicas, de xestión e administrativas relacionadas cos servizos que presta o colectivo.

Entre as funcións que desenvolven nesta sede destacan o asesoramento legal en canto á normativa vixente aplicable ao sector, asesoramento na xestión e tramitación das reclamacións, información e tramitación de subvencións públicas, preparación de escritos, apoio ás persoas emprendedoras, fomento do asociacionismo, a aposta por convenio con entidades privadas ou a representación ante a administración pública e organizacións empresariais.

As asociacións de comerciantes da provincia tamén dispoñen deste lugar para realizar as súas xuntas, asembleas ou reunións, contando de maneira directa con asesoramento para o impulso de novas campañas ou actuacións concretas que queiran desenvolver. Algúns destes colectivos teñen a súa sede nesta oficina, e é o propio cadro de persoal da Federación quen lles xestiona os trámites e xestións. O local conta, ademais, con aulas habilitadas para impartir formación ou desenvolver actos informativos e publicitarios.

A Federación

A Federación Galega de Comercio nace en 1985 para dar resposta ás necesidades que tiña o sector do comercio. Está conformada por catro Federacións Provinciais de Comercio (A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra), integra a un total de 151 asociacións sectoriais e locais, sendo a entidade máis representativa e única interlocutora ante as diversas entidades públicas, privadas e sociais dos 55.000 comercios que existen actualmente en Galicia. Organiza actividades, campañas e formacións, ademais de impulsar o comercio electrónico entre os seus asociados e asociadas.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.14901304244995