A Deputación dedicará 230.000 euros en arranxar estradas en Paradela, Baralla e Láncara
A Deputación de Lugo aprobou dúas novas obras por un importe conxunto que supera os 230.000 euros para seguir mellorando a rede de estradas provinciais, neste caso, ao seu paso polos concellos de Paradela, Baralla e Láncara.
Así o informou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen concretou que o Executivo acordou licitar unha obra por 105.000 euros para mellorar un tramo de algo máis de 3 quilómetros na LU-P-5709, que é a estrada que conecta no Concello de Paradela a parroquia de Santa María de Vilamaior coa de Castro de Rei Lemos.
Explicou tamén que estes traballos, que afectan ao treito comprendido entre os puntos quilométricos 10,760 e o 13,875 e que terán un prazo de execución de 2 meses, consistirán na reapertura de cunetas, na reparación dos afundimentos e outros desperfectos da vía, na repavimentación e na reposición da sinalización vertical.
“Trátase dunha actuación importante porque esta estrada, situada entre os concellos de Sarria e Paradela, conecta a comarca sarriá coa da Ribeira Sacra e une dúas estradas autonómicas, a LU-633 e a LU-611”, valorou García Porto.
A Xunta de Goberno tamén acordou a licitación, por 130.000 euros, uns traballos para o arranxo de máis de 10 quilómetros da LU-P-0503, que é a estrada provincial que conecta Baralla e Láncara.
Tal e como explicou a voceira socialista, estas obras, que afectan á práctica totalidade da vía, dende o seu inicio ata o punto quilométrico 10,500 e terán un prazo de execución de 3 meses, consistirán na reapertura de cunetas, na reparación de afundimentos e na repavimentación.
García Porto destacou que “esta estrada dá servizo directo ás parroquias de Aranza, Santa María de Pol e Vale; tamén a varias empresas madeireiras e une Baralla coa autonómica que conecta Sarria e Becerreá”.