A Deputación defende as 60 actuacións realizadas en materia de turismo durante o 2024

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Pilar García Porto presidiu a última reunión do ano do Consello Provincial de Turismo
reunion-turismo-deputacion
13 Dec 2024

A vicepresidenta do Consello Provincial de Turismo e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presidiu este venres no Salón de Plenos da Deputación a última reunión do ano deste órgano participativo e consultivo, no que detallou os principais logros e accións desenvoltas pola institución provincial no ámbito do turismo.

Durante a reunión, Pilar García explicou que a Deputación pechou o 2024 reforzando o seu compromiso cun modelo turístico deseñado para posicionar a provincia “como un destino de referencia, cunha oferta diversa e respectuosa co medio ambiente, que fomenta o desenvolvemento económico local e a valorización do patrimonio cultural e natural da provincia de Lugo”. Puxo de relevancia o incremento das accións estratéxicas de turismo desenvoltas pola institución provincial, logrando realizar un total de 60 actuacións, dez máis que no pasado ano.

“Este aumento supón un paso importante para consolidar a provincia como destino turístico de referencia, destacando pola súa oferta diversa, respectuosa co medio ambiente e cun forte compromiso co desenvolvemento económico local e a sostibilidade”, afirmou a Deputada.

Promoción turística e proxección internacional

Entre os programas destacados do 2024 figura Coñece a túa provincia, que permitiu a 82 asociacións realizar excursións gratuítas por 67 concellos, contribuíndo a achegar o patrimonio lucense aos lucenses participantes. Pola súa banda, as Rutas polo Románico facilitaron que 297 persoas desfrutasen de visitas guiadas a monumentos de gran valor histórico e cultural.

A proxección nacional e internacional tamén foi un eixo clave da estratexia turística da Deputación. A institución participou en feiras como FITUR, Biocultura e Xantar, destacando a riqueza gastronómica e patrimonial de Lugo. Ademais, a colaboración en grandes eventos como La Vuelta e o Campionato de España de Taekwondo foi decisiva para fortalecer a imaxe de Lugo como un destino turístico accesible, atractivo e de calidade.

Neste ano a Deputación de Lugo deu un paso máis na implementación do turismo intelixente e nas experiencias de ecoturismo, logrando recoñecementos como a certificación Starlight para a zona dos Ancares Lucenses. Este selo, que destaca a calidade do ceo nocturno e a súa protección, afianza a provincia como un destino ideal para os amantes do turismo de natureza e das experiencias sustentables.

A Deputación tamén patrocinou grandes eventos, como La Vuelta, e desenvolveu materiais promocionais, como o libro Lugo Románico, que reforzan a visibilidade e a imaxe da provincia como destino turístico de referencia.

As rutas fluviais superaron todas as expectativas en 2024, con 61.487 viaxeiros, dos cales 46.954 optaron pola Ruta do Canón do Sil e 14.533 pola Ruta do Cabo do Mundo. Segundo as enquisas, o 76 % dos participantes visitaban a Ribeira Sacra por primeira vez, e o 44,83 % destacou a ruta en catamarán como a principal actividade da súa estadía. Entre os aspectos mellor valorados sobresae a amabilidade do persoal e a calidade da información.

Premios á excelencia turística e gastronómica

A Deputación de Lugo volveu destacar este ano o labor de entidades e eventos que contribúen á promoción turística e á sostibilidade na provincia a través dos premios á excelencia turística e gastronómica. Os galardoados na categoría Lugo Cambia ao Turismo Lucense foron a Ruta dos Lobos da Fonsagrada e o Complexo Histórico e Recreativo das Minas Consuelo e Boulloso da Pontenova. Na categoría Gastronomía Lucense recibiron o recoñecemento a Feira do Capón de Vilalba e a Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite, do Concello de Ribas de Sil. Finalmente, na categoría Turismo Sostible, os galardoados foron o Barco Museo Boniteiro Reina del Carmen, do Concello de Burela, e outorgouse un accésit Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu).

A Deputación destinou 380.000 euros para apoiar o tecido asociativo e os concellos, co fin de potenciar un turismo máis atractivo, sostible e desestacionalizado. Destacaron iniciativas con entidades como a Mancomunidade de Municipios da Mariña, o Consorcio da Ribeira Sacra, a Fundación Xesús Bal y Gay, a APEHL e a Asociación de Mulleres Rurais San Bartolomeu de Insua. Así mesmo, a través do Plan Deputación de Cooperación cos Concellos, investíronse preto de 200.000 euros para impulsar recursos turísticos, feiras, festas e campañas de promoción nos municipios da provincia.

0.15212893486023