A Deputación destaca a importancia das Xornadas Xurídicas de Sarria
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou no día de hoxe na inauguración das XIV Xornadas Xurídicas Román García Varela de Sarria, que nesta edición están centradas na Igualdade de Xénero no Ámbito Xurídico.
O acto tivo lugar na Casa da Cultura sarriá e contou tamén coa presenza do presidente do Tribunal Constitucional, Juan José González Rivas, o Alcalde de Sarria, Claudio Garrido, o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde , o director xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, Juan José Martín Álvarez, e os directores das xornadas, entre outras autoridades.
José Tomé subliñou o apoio que a Deputación prestou dende o seu inicio á organización destas xornadas, “que se consolidaron como unha cita clásica dentro do análise e do estudo do Dereito, tanto nos seus aspectos teóricos, como na súa aplicación práctica”, e que “colocan a Sarria e á provincia de Lugo no centro do debate xurídico nacional por uns días”.
“Un debate”, engadiu o presidente, “que reúne a persoeiros de primeiro nivel e que camiñou sempre da man da actualidade e marcado por unha firme vocación de utilidade social, como ben demostra a temática deste ano, a igualdade de xénero no ámbito xurídico. Os crimes por violencia de xénero, a situación das vítimas, o desgarro familiar que se xera ou a situación dos menores afectados por esta lacra son cuestións que se van abordar neste encontro e que, por desgraza, son parte do noso tempo”.
As Xornadas Xurídicas de Sarria, que se retoman neste 2021 tras suspenderse o pasado ano debido á pandemia, celébranse entre hoxe e mañá na Casa da Cultura da localidade, e pódense seguir en directo a través de YouTube grazas á retransmisión realizada polo Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo, no marco da colaboración que a institución ten con esta prestixiosa cita.
Diálogo entre sociedade, poder lexislativo e xudicatura
Na súa quenda de intervención, o presidente realizou varias reflexións arredor da configuración do Ordenamento Xurídico como froito “dun diálogo continuado entre a sociedade, os seus representantes políticos e o conxunto da xudicatura”. “Un diálogo que debe orientarse coa mesma filosofía que preside estas xornadas, pois, sen dúbida, as mesas redondas e conferencias que se van celebrar estarán marcadas, coma sempre, polo uso da razón, o estudo e a intelixencia analítica, pero non é menos certo que todas comparte unha mesma paixón, a de contribuír a unha sociedade máis xusta, informada, e que garanta os dereitos de toda a cidadanía, homes e mulleres, por igual”.