A Deputación destina 372.589 euros á reforma integral do pavillón municipal de Samos

SarriaXa
A primeira fase das obras, cun prazo de execución de 9 meses, permitirá renovar a cuberta, mellorar a iluminación e avanzar na accesibilidade da instalación
pavillon-de-Samos-goteiras
11 Feb 2026

A Deputación de Lugo achegará 372.589 euros para acometer a reforma do pavillón municipal situado ao carón do CEIP Samos, en virtude dun convenio asinado coa administración local o pasado mes de novembro. A actuación permitirá modernizar unha infraestrutura que leva arredor de 40 anos sen unha intervención de calado e que presenta deficiencias estruturais e funcionais.

Segundo explicou a alcaldesa, Chus López, o inmoble atópase “nun estado preocupante”, con problemas de goteiras, unha iluminación insuficiente e carencias en materia de accesibilidade. A actuación prevista nesta primeira fase centrarase na substitución da cuberta, que presenta filtracións de auga.

Aínda que o Concello realizou tarefas de mantemento, reparación de goteiras e limpeza de canalóns, moitos destes elementos deberán ser renovados por completo. Ademais, instalaranse 252 paneis fotovoltaicos na nova cuberta, que permitirán xerar enerxía eléctrica tanto para o propio pavillón como para outros equipamentos públicos, entre eles o colexio.

O proxecto inclúe tamén a renovación das luminarias actuais por outras de tecnoloxía led máis eficientes, o que mellorará a iluminación da pista deportiva e contribuirá a reducir tanto o consumo eléctrico como os custos de mantemento da instalación.

No ámbito da accesibilidade, levaranse a cabo actuacións tanto no exterior como no interior do edificio. Construirase unha rampla lateral de acceso e ampliarase a porta lateral para facilitar a entrada de vehículos como ambulancias ou a Furgoteca. No interior, eliminaranse os chanzos de acceso a vestiarios, aseos e almacéns mediante a reorganización da escaleira principal, que pasará de contar con varios tramos a un único, complementando as diferenzas de altura coa instalación de ramplas metálicas.

Esta será a primeira fase dun proxecto máis amplo, cun prazo de execución de 9 meses e co remate das obras fixado como límite a finais de ano. Nunha segunda etapa, tal e como avanzou a rexedora, será necesario actuar sobre as bancadas, a pista deportiva, os vestiarios e os baños para completar a renovación integral do pavillón.

⚙ Configurar cookies
0.072474956512451