A Deputación destina medio millón de euros a rematar a mellora de tres estradas de Paradela a Currelos
A Deputación de Lugo investirá preto de 500.000 euros nas obras de mellora e renovación do firme de tres estradas provinciais que conectan Paradela co núcleo de Currelos, no Saviñao. O presidente provincial asinaba esta mañá o contrato para a execución dos traballos co representante da empresa adxudicataria, que ten un prazo de seis meses para a realización dos traballos.
Con este proxecto, a Deputación completa o acondicionamento das conexións entre Paradela e Currelos, despois de actuar de xeito recente no tramo que une Escairón e Currelos.
As obras que se van levar a cabo consistirán no acondicionamento de máis de 12 quilómetros das estradas LU-P-4201, LU-P-4205 e LU-P-5818. No caso da LU-P-4201, que une Pacios con Mosteirovello, arranxarase en tres treitos, que suman un total de case 2,5 quilómetros. O primeiro tramo vai desde o punto quilométrico 0 ata o 1,235, o segundo, desde o 1,405 ao 1,810, e o terceiro, do 3,435 ao 4,200.
Na LU-P-4205, que une os núcleos de Aldosende e Foilebar pasando por Feasita, mellorarase un treito da vía de máis de 3,5 quilómetros, desde o punto quilométrico 2,331 ata o 5,924.
A terceira vía que se vai arranxar en Paradela é a LU-P-5818. Os traballos acometeranse desde a intersección coa estrada provincial LU-P-4202 ata o núcleo de Vila. Esta estrada dá servizo a moitos núcleos de poboación, como é o caso de Valmigallo, Vilacaíz, Carballós e O Amedo.
As actuacións inclúen a reapertura de cunetas, aglomerado en quente e sinalización horizontal con pintado da vía mediante marcas viais reflexivas brancas.
Segundo explicaron, os traballos comezarán de inmediato, sempre que as condicións meteorolóxicas sexan favorables, e o prazo de execución estimado é de 6 meses.