A Deputación fai unha homenaxe aos gandeiros xubilados de Acruga

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Deputación de Lugo homenaxea con Acruga aos gandeiros e gandeiras xubilados da asociación e firman un novo convenio
gandeiros xubilados acruga homenaxe
22 Xul 2023

A Deputación vén de aprobar un acordo de colaboración a través do que aportará 700.000€ a Acruga ata o ano 2026 para seguir potenciando e poñendo en valor a raza, ademais de cooperar no centro de recría da Granxa Gayoso Castro.

O deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, participou este venres na homenaxe aos gandeiros e gandeiras da provincia que cesaron a súa actividade o ano pasado por xubilación nun acto organizado pola Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Rubia Galega, Acruga. Na cita, que se celebrou este mediodía no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, Francisco Cajoto aproveitou para poñer en valor o traballo dos gandeiros e destacar como “unha das prioridades” da Deputación de Lugo o sector agrogandeiro, no marco do seu compromiso cos sectores produtivos en xeral.

“É unha satisfacción que precisamente un dos primeiros actos institucionais nos que teño a oportunidade de participar en representación da Deputación de Lugo, como responsable da área de Recursos Sostibles, sexa cos gandeiros de Acruga e que sexa nun encontro tan importante coma este, no que recoñecemos o enorme traballo de persoas sen as que o sector gandeiro da nosa provincia e a propia provincia en si non sería o que é hoxe”, asegurou.

Xunto ao deputado participaron neste acto o presidente de Acruga, César Dorado e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.

Francisco Cajoto comezou agradecendo a labor dos gandeiros “por toda unha vida de dedicación a unha actividade que esixe tanto, que é moi bonita, pero igualmente moi sacrificada, pois, entre outras cousas non sabe de horarios nin de festivos”, apuntou. Unha actividade “fundamental para a nosa provincia, que ten na gandería un dos seus grandes motores económicos e de xeración de emprego” e imprescindible tamén “para o coidado do medio ambiente, para a ordenación do territorio e para manter a nosa identidade e riqueza cultural e social”. Por iso, é “fundamental para o futuro do noso país”, subliñou.

Colaboración económica

Destacou o deputado o compromiso da Deputación de Lugo cos sectores produtivos en xeral e, nese marco, apuntou que o sector agrogandeiro é “unha das prioridades á hora de destinar recursos e impulsar proxectos”. Puxo como exemplo dese compromiso a relación de colaboración que a institución provincial mantén con Acruga. “Unha relación xa totalmente asentada, que precisamente vimos de renovar cun novo convenio de colaboración por importe de 700.000€ con vixencia ata o ano 2026 para seguir potenciando e poñendo en valor a raza Rubia Galega”. Francisco Cajoto lembrou outras iniciativas coas que se colabora con Acruga, “como o centro de recría que temos na Granxa Gayoso Castro, co que axudamos a aforrar custes ás explotacións e a mellorar a xenética”.

0.17677283287048