A Deputación financia en Samos a mellora dos accesos e o abastecemento de 10 núcleos rurais

SarriaXa
O Presidente, José Tomé Roca, asinou un convenio de colaboración co Alcalde, JulioGallego Moure, para renovar a pavimentación.
samos deputación convenio báscula punto limpo
30 Xuño 2022

A aportación económica será de 200.000 euros.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou no Pazo de San Marcos co alcalde de Samos, Julio Gallego Moure, un convenio de colaboración a través do que a institución provincial destina 205.000€ para financiar integramente diversas actuacións de mellora dos accesos, pavimentación de vías públicas e abastecemento de auga en dez núcleos de poboación.

Por unha banda, grazas á aportación económica da institución provincial, vaise renovar a pavimentación dos núcleos de Bustofrío, Lastres e Outonín. Tamén se van pavimentar un conxunto de vías municipais: o que une Veiga e Sivil, o que vai de Lulle a San Román, e o que dá acceso a Gosende.

Con esta axuda da Deputación, así mesmo, está previsto realizar obras de mantemento e de mellora da traída municipal de augas aos núcleos de Vilaceite e Lamartín. Para todas estas obras é preciso realizar a redacción, a dirección e o plan de seguridade e saúde, que tamén financia a institución provincial.

As dúas administracións consideran moi importante realizar estas actuacións debido ao desgaste que presenta o firme en todas estas estradas municipais, que ademais presentan anchuras irregulares que imposibilitan que os vehículos poidan circular con normalidade.

O presidente da Deputación destaca neste sentido a importancia destes traballos, que beneficiarán a numerosos veciños e veciñas do rural de Samos, que cada día usan estas estradas para desprazarse aos seus lugares de traballo ou para as súas xestións diarias. José Tomé subliña o bo resultado que ten a colaboración entre administracións para a cidadanía, “para mellorar o día a día da xente, sobre todo nun ámbito tan importante como é a mobilidade, que inflúe de maneira determinante na calidade de vida das persoas e na actividade económica”.
Nas súas palabras, o presidente tamén lembra a importancia de dotar dun servizo básico, como a rede de abastecemento de auga, á veciñanza de Vilaceite e Lamartín. Subliñou que isto responde “ao noso compromiso de cooperar cos 67 concellos da provincia, teñan a cor política que teñan, para que poidan prestar servizos públicos de calidade e eficientes aos seus veciños e veciñas, o que favorece o seu benestar e contribúe a fixar poboación no rural”. “Dotar de servizos públicos aos veciños e promover o emprego sostible é a mellor política demográfica”, recalcou José Tomé.

Con colaboracións como esta de Samos, explicou o presidente, “estamos demostrando que a Deputación é unha administración fundamental para o funcionamento dos concellos e para a prestación de servizos municipais, sobre todo no caso dos máis pequenos, que son a gran maioría da nosa provincia”.

0.17531394958496