A Deputación impulsou neste ano medio cento de accións para consolidar o turismo

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Deputación impulsou neste ano medio cento de accións para consolidar un turismo de calidade e sostible na provincia
reunion consello turismo deputacion pilar garcia
19 Dec 2022

Pilar García Porto presidiu a última reunión de 2022 do Consello Provincial de Turismo, ante o que explicou a programación realizada “para contribuír a facer da provincia de Lugo un dos destinos turísticos preferidos para os visitantes galegos e do resto de España, ademais de medrar nas grandes rutas internacionais”.

A vicepresidenta do Consello Provincial de Turismo e deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presidiu no Salón de Plenos da Deputación a última reunión do ano deste órgano participativo e consultivo impulsado pola institución provincial, ante o que explicou a programación realizada ao longo deste ano 2022, con medio cento de accións distintas.

A deputada subliñou que estas actuacións cumpriron un dobre obxectivo. “Por unha banda, convertemos o turismo nun dos eixos da acción política da Deputación, apostando por un sector que achega riqueza e emprego, que difunde a imaxe da provincia lonxe das nosas fronteiras e que, dun xeito fundamental, xera opcións de desenvolvemento no rural e axuda a fixar poboación no territorio”, afirmou. E por outra banda, “avanzamos cara a consolidación do modelo turístico da Deputación, de calidade, sostible, non masificado e desestacionalizado”. Un modelo, sinalou García Porto que “aproveita o inmenso patrimonio natural e cultural da nosa provincia”.

A institución, sinalou, busca “sinerxías transversais, de xeito que unhas accións reforcen ás outras”, e fomenta “vagas de interese que chegaban cada vez máis lonxe”, ao tempo que fixo “un  importante esforzo por potenciar o turismo de proximidade, de pequenos desprazamentos que se poden realizar en calquera momento do ano e que resulta fundamental para a desestacionalización”. Accións todas elas “que fan que hoxe a provincia de Lugo”, apuntou a Vicepresidente do Consello “sexa un dos destinos turísticos preferidos para os visitantes galegos e do resto de España, ademais de estar a medrar nas grandes rutas internacionais”.

Nestes anos, asegurou García Porto, “tendemos os cimentos dun proxecto sólido, ilusionante e de futuro, un proxecto que espero que podamos seguir desenvolvendo entre todos nos vindeiros tempos”.

Un servizo dinámico

A Deputación de Lugo desenvolveu un programa de accións en materia de turismo dinámico e baseado na propia experiencia da persoa que descubre a provincia a través das diferentes actividades. Deulle continuidade a programas como o Actívate, de turismo deportivo e de aventura, que contou con 24 iniciativas dende abril ata xullo, nas que participaron 275 persoas que puideron gozar dos recursos turísticos máis representativos da provincia. Tamén foi un éxito o programa de actividades fluviais que se desenvolveu en 10 localidades distintas do interior da provincia nos meses de xullo e agosto, ou o Saborea a túa provincia, concibido como unha experiencia gastronómica itinerante promocionando os produtos de proximidade.

O Coñece a túa provincia volveu con dúas etapas, na primavera e no outono, dando a oportunidade de viaxar a máis de 2.860 persoas. Ademais, no mes de maio festexouse o Día da Transrománica con visitas guiadas a monumentos deste estilo arquitectónico en 15 concellos nas que participaron máis de 320 persoas.

Unha das novidades deste ano foi a celebración dunha xornada de aproximación aos viños da provincia de Lugo, o 17 de xuño, no Pazo de San Marcos, da man dos expertos Luis Paadin e José Penín.

Neste ano, a Deputación participou en feiras como Fitur, Biocultura, Expocidades, Turexpo, Feira L de Lugo, Termatalia e Xantar. Así mesmo, colaborou coa Feira de San Isidro da Milagrosa, co Encontro Nacional de Festas Tradicionais de Taboada, coas xornadas Mar por Medio de Ribadeo ou co primeiro encontro de Turismo Rural Cataluña e Galicia na Ribeira Sacra.

En relación aos congresos e actividade asociativa, coorganizou o VIII Foro das Cidades e Territorios Creativos de España entre os días 10 e 12 de novembro, grazas a que o ano anterior a Deputación se alzou coa vitoria da Copa de España Creativa polo seu proxecto de recuperación de soutos nos Ancares. Ademais, participou nas asembleas de Transrománica e nos grupos de traballo Rede DTI.

Estas son iniciativas que se combinaron cos patrocinios de eventos e actividades deportivas, musicais e culturais, como a Gold River Race, a participación do piloto monfortino Eduardo Iglesias no Dakar 2022, o Resurrection Fest 2022 ou Lucus in Vino Veritas, entre outras.

A Deputación tamén impulsou un ano máis recoñecementos como os premios á excelencia turística e gastronómica da provincia, que xa están consolidados logo de tres edicións.

Unha das liñas do Plan Único de Cooperación cos Concellos engloba accións e actividades en materia turística, que este ano ascendeu a 160.000€ e que serve para impulsar a promoción de recursos turísticos, feiras e festas, ou campañas de promoción.

Colaboración co tecido asociativo

A Deputación colaborou co tecido asociativo da provincia cun investimento total de máis de 600.000€ para facilitar a súa actividade diaria, accións concretas ou novas dotacións que camiñan cara un turismo máis atractivo, sostible e desestacionalizado. É o caso, por exemplo, da Mancomunidade de Municipios da Mariña, o Consorcio da Ribeira Sacra, a asociación Aturuxeiros de Bravos, a Fundación Xesús Bal y Gay, a APEHL ou a asociación de Mulleres Rurais San Bartolomeu de Insua.

Órgano participativo e consultivo

O Consello Provincial de Turismo é un órgano participativo e consultivo creado pola Deputación para promover accións en impulso do destino turístico da provincia. Forman parte deste organismo 21 persoas relacionadas co turismo da provincia representando a asociacións, entidades e institucións, co obxectivo de favorecer a gobernanza turística.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15777397155762