A Deputación incrementa o orzamento para impulsar as Reservas da Biosfera

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Deputación incrementará ata os 110.000€ a subvencións para entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de proxectos nas Reservas
Reunion Deputación Reserva Biosfera
13 Dec 2022

A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presidiu este luns en Cervantes os órganos reitor e participativo da Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses, e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; e o deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, presidiu os órganos reitor e participativo da Reservas da Biosfera Terras do Miño, no Pazo de San Marcos, ambas as dúas xestionadas pola institución provincial. Os encontros, que acolleron o Edificio Multiusos de Cervantes e o Salón de Actos do Pazo de San Marcos respectivamente, serviron para realizar os correspondentes balances das actividades realizadas neste ano 2022 e abordar os proxectos futuros que se van impulsar.

Na reunión, García Porto avanzou que para o ano que vén a institución provincial incrementará ata os 110.000€ a liña de subvencións en concorrencia competitiva para entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de proxectos de posta en valor do patrimonio natural, cultural e paisaxístico de ambos territorios. “É unha subida do 25% respecto ao 2022, á que nos comprometemos polo éxito que tivo precisamente a convocatoria anterior e froito tamén da calidade dos 27 proxectos presentados, que serviron para manter rutas, limpar ríos, desenvolver obradoiros ou a publicación de libros”, sinalou.

Concretamente, a liña de axudas para desenvolver proxectos na reserva Terras do Miño estará dotada con 60.000€ no 2023 fronte aos 45.000€ do ano pasado, e a dos Ancares Lucenses, e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá contará cun orzamento de 50.000€, 12.000€ máis que o 2022. Será o terceiro ano que a Deputación de Lugo convocará estas subvencións, que neste ano beneficiou a 27 entidades.

Novo plan de xestión 2024-2034

Aprobouse tamén elaborar un plan de xestión para as reservas que sirva para o período 2024-2034, que se adecúe á ampliación e modificación da zonificación da Reserva dos Ancares, e que sexa válido tamén para incorporar os acordos e criterios que rexen na Rede Española de Reservas da Biosfera e na Rede Galega de Reservas de Biosfera ás que pertencen ambos territorios. Un plan de xestión que responda ademais á concesión dos Fondos PRTR do Mecanismo Europeo de Recuperación, Transformación e Resiliencia que achega o Goberno do Estado por un importe superior ao millón de euros.

No caso dos Ancares, na sesión da mañá abordouse a proposta dunha futura ampliación da Reserva na que se puidese incluír o municipio de Becerreá, que na actualidade soamente inclúe na Reserva o 8,9 % do seu territorio, e incluír aos Concellos das Nogais e Pedrafita do Cebreiro, os cales manifestaron o seu posible interese en entrar na Reserva da Biosfera.

Ambos concellos teñen na actualidade unha porcentaxe elevadas do seu territorio incluída na Rede Natura 2000 -39,26% e 98,01%, respectivamente- algo que segundo os informes técnicos favorecería a conexión coas Reservas de Terras do Miño, Río Eo-Os Oscos e Terras de Burón e da Ribeira Sacra, ademais do Xeoparque Montañas do Courel.

Marcas das Reservas

Nas sesións deste venres deuse conta ademais da apertura do prazo para as consultas previas dos procedementos de aprobación do regulamento provincial da licencia de uso das marcas Reserva da Biosfera Terras do Miño e Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. Unha vez redactados os proxectos, o procedemento a seguir será a aprobación provisional do texto do regulamento polo Pleno, a exposición pública por un prazo mínimo de 30 días, a resolución das reclamacións e a aprobación definitiva en sesión plenaria.

Preto dun centenar de accións e proxectos

Nas reunións celebradas ao longo da xornada de hoxe tamén se abordaron as actividades realizadas ao longo do 2022, e que ascenden a preto de 100. No caso de Terras do Miño, a programación para o ano que vén conformaraa a programación trimestral do Centro de Interpretación Terras do Miño, dirixida a nenos e adultos; as visitas escolares e a oferta de realizar actividades nun horto urbano do Paseo do Río Rato; e as actividades en concellor da Reserva. No caso dos Ancares Lucenses, os integrantes do órgano de participación presentaron un total de 51 solicitudes tanto de concellos como de entidades para as actividades trimestrais da vindeira actualidade.

Novas incorporacións

Nas sesións deste luns aprobáronse a incorporación de novos membros nos órganos participativos das dúas reservas. No caso da Reserva dos Ancares Lucenses, aceptáronse as solicitudes de ingreso da Asociación Cultural Deportiva Chao de Sebes de Becerreá; Asociación Galega de Operadoras de Artesanía Alimentaria e Pensos (AGOAAP); e a Asociación Xuvenil Cultural A Cambela.

No caso da Reserva Terras do Miño, entra a formar parte da mesma a Asociación de Mulleres Rurais Alfinete (de Benade, Lugo), a Asociación Galega de Operadoras de Artesanía Alimentaria e Pensos (AGOAAP), a Asociación de Pescadores Ponte de Areas, a Asociación de Mulleres Rurais A Xuntanza de Castro de Rei, a Asociación Deportiva de Pesca Río Ladra, con actividade nos concellos de Outeiro de Rei, Begonte, Guitiriz e Vilalba; a Asociación Cultural, Agraria e Ambiental Muíño de Barxa de Meira; e a Asociación Club de Piragüismo Ciudad de Lugo.

Órganos reitores e participativos

Os órganos reitores e participativos das reservas da biosfera que xestiona a Deputación de Lugo teñen como obxectivo o estudo dos instrumentos e actuacións relativas a cada unha das reservas. En concreto, abordan todas aquelas iniciativas que se desenvolven no marco do Plan de Acción da Reserva, así como tamén participan activamente na xeración de novas accións.

As Reservas da Biosfera son áreas de ecosistemas terrestres, costeiros ou mariños nas que se promove a investigación, a educación ambiental e a sensibilización cidadá. As reservas, promovidas pola Unesco, conxugan a conservación dos recursos naturais co desenvolvemento económico e social das comunidades locais.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1488630771637