A Deputación inicia hoxe o reparto a domicilio dos Bonos Impulso

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O presidente supervisou o dispositivo de entrega, do que se encargará unha empresa lucense, que achegará os descontos a 7.500 persoas.
reparto bonos impulso deputacion
28 Jun 2021

A Deputación de Lugo inicia hoxe, luns, o reparto a domicilio dos Bonos Impulso. O presidente, José Tomé Roca, acompañado pola deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, supervisou o dispositivo de entrega, do que se encargará unha empresa lucense e que achegará os descontos nominativos aos preto de 7.500 veciños e veciñas da provincia que xa os solicitaron. A institución provincial prevé repartir un total de repartir un total de 17.000 bonos de 30€, para compras dun mínimo de 60€, que poden gastarse en calquera comercio, negocio de hostalería e servizos dende a súa recepción e ata o 31 de agosto deste ano.

“Esta medida, que forma parte do Plan Impulso da Economía da Provincia da Deputación, chega nun moi bo momento, nun momento de estímulo do consumo, porque coincide coas rebaixas”, sinalou Tomé Roca, quen lembrou que con estes descontos mobilizaranse en total máis de 1,5M€ nos sectores máis afectados pola crise sanitaria grazas ao seu efecto multiplicador.

 Ata o vindeiro 15 de xullo está aberto o novo prazo para pedir estes descontos, que se poden solicitar a través da páxina web da Deputación de Lugo, da sede electrónica ou mediante o procedemento habitual, presentando a documentación nas oficinas de Rexistro. Os beneficiarios poden gastar os Bonos Impulso nos establecementos adheridos do seu concello, unha medida que naceu co propósito de xerar actividade económica nos 67 municipios que conforman a provincia de Lugo.

 A Deputación fai un reparto equitativo dos bonos seguindo criterios obxectivos, como a poboación, o número de persoas en situación de desemprego e o número de empresas dadas de alta no IAE (Imposto de Actividades Económicas). En base a isto, a Deputación establece un mínimo de 20 bonos para os concellos máis pequenos e un máximo de 5.000 para os máis grandes. Cada beneficiario deberá  usar o seu Bono nos establecementos adheridos ao concello no que reside, agás que non haxa ningún inscrito. 

Os bonos poderanse gastar en todo tipo de actividade comercial, hostaleira e de servizos, agás á compra de bebidas alcohólicas, tabaco e lotarías. Asignaranse por orde de presentación de solicitudes, respectando o número mínimo e máximo establecido de bonos por concello, e fixando nesta primeira fase de asignación un máximo dun bono por persoa. Os beneficiarios recibirán na súa casa o seu Bono Impulso, que poderán utilizar como método de pagamento nun único establecemento. Este bono é nominativo, é dicir, leva o nome e apelidos de cada persoa, o que permite identificalo no momento da compra. De non esgotarse todos os bonos nesta segunda fase de solicitude, a Deputación de Lugo realizará sorteos entre aqueles cidadáns interesados en participar no programa.

Na páxina web da Deputación hai habilitado un espazo específico e visual onde os interesados poden encontrar información útil sobre a campaña. Así mesmo a institución provincial ten habilitado o teléfono 982.260.204 e o enderezo electrónico bonoimpulso@deputacionlugo.org para calquera dúbida que poida xurdir. 

 Efecto multiplicador

A Deputación destina 510.000€ para os Bonos Impulso, unha inxección económica en termos de consumo porque segundo os estudos económicos dos técnicos o impacto económico de cada euro investido multiplicarase por tres. 

0.065948963165283