A Deputación inicia obras de mellora en tres estradas do Páramo
A Deputación de Lugo comezou este xoves as obras de mellora en 13 quilómetros en tres estradas provinciais do Páramo cun investimento de 106.819€. Actúase nas vías LU-P-4203, na LU-P-4305 y LU-P-4306, que dan servizo a varias parroquias do municipio.
As actuacións consisten na reparación de desperfectos que presenta a estrada e a pavimentación da vía. Estase traballando na vía que une Pacios con Trebolle, a LU-P-4203, entre os puntos quilométricos 8 e 14. Tamén se mellora a LU-P-4305, que conecta a provincial LU-P-4304 coa parroquia de Moscán, con traballos dende o quilómetro 0 e o 1,426. E a terceira das estradas nas que a Deputación está reparando é a LU-P-4306, dende a vía provincial LU-P-2904 e Santo André de Ribeira, nos primeiros 5,6 quilómetros.
O prazo de execución destas obras é de 4 meses, aínda que a previsión é que rematen antes se a meteoroloxía é favorable. Estas actuacións garantirán a seguridade viaria e a comodidade da veciñanza e dos visitantes que se achegan ata O Páramo.
17,3M€ Á MELLORA DAS COMUNICACIÓNS
Deste xeito, a Deputación continúa a mellorar a rede viaria provincial, favorecendo a seguridade, o equilibrio territorial e a calidade de vida dos veciños e veciñas da provincia de Lugo. O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, salienta a importancia destes traballos e recalca que “a mellora das comunicacións é unha prioridade para o Goberno”. Detalla, así mesmo, que “defendemos a mobilidade como un dereito básico da cidadanía porque cremos que unha boa rede de estradas é fundamental para o equilibrio territorial e para o desenvolvemento do rural, porque axuda a fixar poboación e a achegar os servizos”.
A institución provincial destina 17,3M€ dos seus Orzamentos para o 2022 ás tarefas de mellora do firme, roza de maleza, conservación e mantemento da rede viaria provincial, a máis extensa de todo o Estado e tres veces maior ca da Xunta en Lugo.