A Deputación inicia unha nova edición das rutas do románico con 335 prazas

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Haberá 16 rutas ao seu paso por 18 concellos da provincia os días 30 e 31 de maio e o 1, 7 e 8 de xuño
presentacion-rutas-romanico
15 May 2025

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este xoves nos xardíns do Pazo de San Marcos a quinta edición do Coñece o románico da provincia de Lugo, o programa da Deputación de rutas gratuítas guiadas polo patrimonio lucense. Un acto no que estivo acompañado por deputados e deputadas e tamén alcaldes e concelleiros e concelleiras dos municipios polos que van discorrer estas rutas. “Unha cita xa consolidada na nosa programación turística, que ano tras ano confirma o interese, a curiosidade e o orgullo que sentimos pola nosa historia e polo noso patrimonio”, valorou o mandatario provincial.

“Estas rutas non son só unha actividade turística. Son, sobre todo, unha oportunidade para redescubrir o noso territorio con outros ollos”, apuntou Tomé Roca, quen argumentou que “moitas veces buscamos experiencias a centos ou miles de quilómetros da casa, sen decatarnos de que a poucos minutos hai capelas que gardan séculos de historia, igrexas que foron faros espirituais e vilas que naceron ao abrigo dun mosteiro”. Explicou que este ano os itinerarios inclúen desde os grandes monumentos recoñecidos, como a Catedral de Lugo ou a basílica de San Martiño de Mondoñedo, ata pequenas “xoias” como as de Antas de Ulla, Palas de Rei, Monterroso, Guntín, Paradela ou Sober.

Nese sentido, subliñou o Presidente que “defender e poñer en valor este patrimonio é unha prioridade para a Deputación de Lugo” e que estas rutas do románico “forman parte dunha estratexia máis ampla que vimos promovendo: un modelo de turismo de proximidade, sostible, de calidade, que aposta pola desestacionalización, por pequenos grupos, sen masificacións, e que deixa valor real no territorio en termos económicos e de emprego”. Un turismo, engadiu, que axuda tamén a fixar poboación, especialmente no rural.

Detallou que as prazas son limitadas -20 persoas por ruta, excepto nas de Lugo, Meira e Foz, que contarán con 25- e que a Deputación ofertará un total de 335. As inscricións poden facerse dende hoxe a través dos teléfonos 982 260 234 e 982 260 011 de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas e da páxina web da Deputación de Lugo: http://inscricions.deputacionlugo.org. Non haberá servizo de autobús, polo que os desprazamentos faranse en vehículos particulares.

A Deputación de Lugo ingresou no 2020 na Ruta da Transrománica, recoñecida oficialmente co selo de Itinerario Cultural do Consello de Europa, o que situou ao románico lucense no nivel máis alto de recoñecemento europeo. A programación organizada este ano pola Deputación:

Venres, 30 de maio
- 10:30 horas. A Catedral de Lugo e a Cidade Medieval.

Sábado, 31 de maio
- 10:30 horas. O Saviñao: Románico con vistas ao Miño.
- 11:00 horas. O románico no Camiño de Santiago. Portomarín e Paradela.
- 16:30 horas. O románico de Taboada.
- 16:30 horas. Tesouros do románico rural en Lugo.

Domingo, 1 de xuño
- 10:30 horas. Monforte na historia
- 10:30 horas. A basílica de San Martiño de Mondoñedo de Foz
- 17:00 horas. O Románico Urbano. Visita a unha importante vila medieval no reino de Galicia: Viveiro.

Sábado, 7 de xuño
-10:30 horas. Pantón: A Ruta do Monacato Feminino.
-10:30 horas. O románico nas terras da Ulloa: Antas de Ulla.
- 16:30 horas. O románico no Xeoparque das Montañas do Courel.
- 16:30 horas. O románico nas terras da Ulloa: Palas de rei e Monterroso.

Domingo, 8 de xuño
-11:00 horas. Sarria e O Camiño: Os pasos do románico.
-11:00 horas. O románico de Chantada.
-11:00 horas. Santa María de Meira.
- 16:30 horas. Dez séculos no concello de Sober: Dos Romanos ao Románico.

⚙ Configurar cookies
0.15375089645386