A Deputación investirá 283.000 euros na mellora das instalacións deportivas de Sarria

SarriaXa
O convenio asinado co Concello de Sarria permitirá renovar as pistas do Chanto e instalar un videomarcador no campo da Ribela
acordo-Concello-de-Sarria-e-Deputación-de-Lugo
9 Jan 2026

A Deputación de Lugo financiará actuacións de mellora nas pistas exteriores do complexo do Chanto e no campo da Ribela, en Sarria, cun investimento conxunto de 283.000 euros, que cubrirá integramente os custos destas actuacións. Os convenios de colaboración foron asinados polo presidente en funcións da Deputación, Efrén Castro, e o alcalde de Sarria, Claudio Garrido.

No complexo do Chanto, onde se investirán 243.500 euros, as obras centraranse na renovación do pavimento das pistas de fútbol, tenis e pádel, así como dos peches e do mobiliario urbano da contorna.

Na pista de fútbol renovarase o pavimento mediante fresado e extensión dunha nova capa, mellorando tamén os peches de rede nos fondos e instalando portas peonís e de acceso para maquinaria de mantemento. Nas pistas de tenis repararanse as zonas deterioradas, aplicarase unha imprimación que favoreza a durabilidade da pintura, que tamén se renovará, e instalaranse redes novas.

Na pista de pádel limparase e corrixirase o pavimento e procederase ao lavado e pintado das paredes. Estas actuacións permitirán unha mellora integral dun espazo público moi utilizado pola veciñanza e de gran importancia para a actividade deportiva e de lecer da vila.

A colaboración entre a Deputación e o Concello inclúe tamén a instalación dun videomarcador exterior no campo da Ribela, cun investimento de 40.000 euros. O equipo contará cunha pantalla led, un ordenador de control e un software multimedia adaptado ás esixencias técnicas e regulamentarias das competicións federadas.

Efrén Castro destacou a relevancia económica e social destas actuacións e o seu impacto no tecido deportivo de Sarria: “Actuaremos en dúas infraestruturas fundamentais para a actividade deportiva e de lecer na vila. O proxecto do Chanto permitirá mellorar de forma integral un espazo moi utilizado, especialmente no verán, e a instalación do videomarcador converte a Ribela nunha carta de presentación para Sarria”. A sinatura dos convenios permite ao Concello licitar e executar os proxectos de forma inmediata.

⚙ Configurar cookies
0.073659896850586