A Deputación inviste en formación dixital para zonas despoboadas de provincia
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres aceptar un investimento de 750.000 euros de Fondos Europeos para desenvolver o programa Reto rural dixital do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Con esta iniciativa, que se enmarca dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia do Goberno de España, a institución provincial porá en marcha o proxecto E para dixitalizarse Lugo. Así o explicou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen detallou que o obxectivo é ofrecer formación en competencias dixitais á veciñanza da provincia.
García Porto destacou que o programa pretende “garantir a inclusión dixital, diminuír a brecha dixital, asegurar a adquisición de competencias básicas para a cidadanía e garantir que as zonas en risco de despoboamento poidan aumentar os seus coñecementos sobre novas tecnoloxías”.
A Deputada concretou que “no proxecto E para dixitalizarse Lugo inclúense unha serie de accións formativas directamente relacionadas coas necesidades tecnolóxicas da sociedade actual e que irán dirixidas á adquisición de coñecementos vinculados ás TICS”. Nesta liña, subliñou “a veciñanza da provincia aprenderá sobre cuestións relacionadas coa búsqueda de emprego ou o emprendemento”.
Ademais, tamén haberá formacións de especial interese para pais e nais “como por exemplo sobre os riscos de internet ou a dependencia dos dispositivos móbiles”. Para a poboación máis nova “temos previstos cursos de ofimática e informática básica, ciberseguridade e redes sociais” e as persoas maiores “poderán aprender sobre o uso do móbil, a banca electrónica ou ferramentas de comunicación como whatsapp ou telegram”.
“Na institución provincial somos plenamente conscientes da necesidade de facer fronte a esa brecha dixital que existe no territorio. Porque cremos que a tecnoloxía non debe ser unha barreira senón unha ferramenta que facilite a nosa vida diaria. Sabemos que as novas tecnoloxías traen consigo múltiples oportunidades e ademais son unha gran alidada á hora de crear emprego e impulsar os pequenos e medianos comercios. Unha cuestión que se atopa directamente relacionada coa loita contra o despoboamento e a fixación de poboación no rural”, destacou a Deputada.
Máis de 18 millóns de euros de Fondos Europeos
García Porto detallou que “estes 750.000 euros súmanse aos máis de 18 millóns de euros que captamos da Unión Europea desde o ano 2019. Aportacións que nos permiten poñer en marcha proxectos coma este”. Neste sentido, recordou outras iniciativas coas que a institución provincial traballa na modernización e na dixitalización dos concellos da provincia “o xeopadrón, que asinamos recentemente, ou o programa Impulsa TIC, son só dous dos moitos proxectos aos que podemos facer referencia neste eido”.
“A Deputación de Lugo é unha das institucións provinciais de toda España que máis fondos recibiron xunto con outras como Barcelona, Sevilla ou Valencia” e recalcou que “para desenvolver este programa en concreto somos a administración pública que, xunto á Deputación Provincial de Segovia, recibiu a maior contía (750.000 euros)”.
Aprobado o convenio dos GES
Aprobado un convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e as Deputacións provinciais para o financiamento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) durante os anos 2025, 2026 e 2027.
“Este convenio representa un compromiso sólido para garantir o funcionamento e a eficacia destes grupos, que realizan un labor fundamental na xestión de emerxencias e a protección da cidadanía”, valorou García Porto, quen sinalou que por parte da Deputación Provincial, achegaranse 640.000 euros destinados aos GES da nosa provincia, que están situados en Cervo, Folgoso do Courel, Quiroga, Friol, Monterroso e A Pontenova.
Pola súa banda, os concellos no seu conxunto achegarán 120.000 euros. O convenio entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2025 e estará vixente ata finais de 2027, ofrecendo unha planificación estable e recursos adecuados para reforzar a capacidade de resposta ante situacións de emerxencia en todo o territorio. Valorou a Deputada que “con este acordo, seguimos traballando para fortalecer a coordinación entre as distintas administracións públicas e mellorar os servizos aos que ten dereito a cidadanía, especialmente en momentos difíciles como adoitan ser nos que actúan os GES”.