A Deputación inviste preto de 220.000 euros en melloras viarias e infraestruturas en Samos

A Deputación de Lugo aprobou un convenio de colaboración co Concello de Samos por un importe próximo aos 220.000 euros que permitirá executar 14 actuacións en sete parroquias do municipio, centradas maioritariamente na mellora do firme das estradas locais.
As intervencións abranguen a parroquia de San Xoán de Santalla, onde se actuará no acceso ao núcleo de Gamiz, na conexión entre Furela e Estraxiz e en varios treitos da vía de Santalla de Arriba. En Santiago de Zoó rehabilitarase o acceso a Zoó e a estrada que enlaza con Montán, mentres que en San Martiño de Lousada os traballos centraranse na vía que une a localidade co Franco. En Pascais mellorarase a estrada que conduce a Gontán; en San Cristovo do Real acondicionarase o pavimento do núcleo do Real; e en San Xoán de Lóuzara renovarase o firme en Bustofrío, Praducelo, Vila do Castro e Parada de Lóuzara.
“Estes camiños son fundamentais para a mobilidade diaria de máis de 200 veciños e veciñas de Samos, pois conectan vivendas e servizos públicos e facilitan o transporte de produtos agrícolas, polo que tamén son vitais para a actividade económica local”, destacou o deputado Pablo Rivera.
Ademais, grazas a este convenio, o Concello de Samos poderá acometer outras melloras en infraestruturas, como a substitución das varandas da Ponte de Lóuzara por outras de madeira, a adecuación dun bebedoiro público para animais en Vila do Castro e a rehabilitación do depósito de auga de Formigueiros, garantindo un subministro eficiente para máis de trinta veciños desta parroquia.