A Deputación lanza Coñece a túa provincia, un programa de viaxes gratuítas

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Deputación lanza Coñece a túa provincia, un novo programa de viaxes gratuítas para os veciños e veciñas con preto de 4.300 prazas
Castro_de_Viladonga_ _conjunto_central
15 May 2021

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou o programa Coñece a túa provincia, unha nova medida que lanza a institución dentro do seu Plan de Impulso da Economía da Provincia e que está destinada a estimular o turismo de proximidade e favorecer a recuperación sostible deste sector e da hostalería e o comercio local fronte ao impacto da pandemia con viaxes gratuítas pola provincia para os veciños e veciñas.

A Xunta de Goberno aprobou desenvolver o programa Coñece a túa provincia, e licitar un contrato para a súa execución durante este ano e o vindeiro, con opción de prórroga por outro ano máis, por un importe total que supera os 300.000€.

O presidente explicou que esta nova iniciativa de Deputación está dirixida a entidades sen ánimo de lucro de toda a provincia, e consiste en viaxes gratuítas en pequenos grupos, dunha xornada de duración, por distintos puntos da  xeografía lucense, seguindo diversas rutas.

O prazo de solicitude ábrese en xullo

Segundo avanzou o mandatario provincial, o prazo para que as asociacións e colectivos poidan inscribirse e solicitar praza comezará no mes de xullo e as viaxes empezarán na segunda quincena de setembro e continuarán ata novembro. No ano 2022, as viaxes desenvolveranse na primavera (entre marzo e xuño), e no outono (entre os meses de setembro e novembro).

En todo caso, a Deputación informará puntualmente a través dos medios de comunicación, da páxina web da institución e das redes sociais sobre os prazos para poder anotarse.  

4.300 prazas en 37 itinerarios

En total, entre este ano e o próximo, Coñece a túa provincia ofrecerá preto de 4.300 prazas. As viaxes terán lugar de luns a venres, e contarán con guías profesionais de turismo. As asociacións poderán elixir entre un total de 37 itinerarios polo patrimonio natural, histórico, cultural e gastronómico de toda a provincia de Lugo.

Destes 37 itinerarios:

  • 8 son pola comarca da Mariña, que inclúen lugares naturais como o Fuciño do Porco, a Praia das Catedrais ou o litoral focense, pero tamén recursos patrimoniais como a fábrica de Sargadelos ou a Catedral de Mondoñedo.
  • 10 rutas son pola Ribeira Sacra. Neste caso, as alternativas permiten visitar concellos como Monforte de Lemos, Portomarín, Sober ou A Pobra do Brollón, entre outros. Tamén se visitarán algunhas das igrexas incluídas na Ruta Transrománica, da que forma parte a Deputación de Lugo.
  • 8 itinerarios pasan pola zona de Ancares-Courel, e achegarán aos participantes ás Terras de Burón e ó Camiño Francés na comarca de Sarria.
  • As 11 rutas restantes percorrerán as comarcas de Lugo e Terra Chá. As visitas inclúen lugares como o Castro de Amarante, a igrexa de Soutomerille ou o Castro de Viladonga, ademais do centro histórico da cidade de Lugo.

As viaxes do programa Coñece a túa  provincia terán lugar sempre cumprindo coas medidas de prevención da Covid-19 decretadas polas autoridades sanitarias en cada momento.

O presidente da Deputación subliñou que este programa “responde ao noso firme compromiso de apoiar aos sectores máis afectados pola pandemia, sobre todo, ó turismo, á hostalería e ó comercio local, pois as viaxes terán sen dúbida un impacto positivo neste tipo de negocios”. “Pero esta iniciativa que poñemos agora en marcha ten vocación de continuidade porque se axusto ao modelo de turismo polo que apostamos dende a Deputación de Lugo para favorecer o desenvolvemento socioeconómico da provincia: un turismo de calidade, sostible, non masificado, que pon en valor o patrimonio e que crea emprego, sobre todo no rural”, asegurou José Tomé.

Nova medida do Plan de Impulso da Economía

O mandatario provincial lembrou que Coñece a túa provincia súmase a outras medidas do Plan de Impulso da Economía da Provincia que xa ten en marcha a Deputación, como son os Bonos Impulso, descontos en establecementos comerciais que deixarán na provincia 1,5M€; o programa Actívate, que consiste en xornadas de turismo activo para toda a familia; Saborea a túa provincia, que consiste en xornadas gastronómicas e lúdicas que se celebrarán no mes de agosto; ou o programa Lugo Termal, ampliado para que poidan beneficiarse dos descontos nos tres balnearios que hoxe funcionan na provincia persoas de máis de 50 anos de idade.

Dende a Deputación de Lugo, explicou José Tomé, “estamos impulsando medidas importantes para axudar á recuperación da economía da provincia ante o impacto da Covid-19, e facémolo cos recursos económicos dos que dispoñemos porque hai que lembrar que, máis de un ano despois do inicio da crise sanitaria, as entidades locais non recibimos nin un só euro extra, mentres que as comunidades autónomas, no noso caso a Xunta de Galicia, si que recibiu xa cuantiosos fondos para facer fronte ós efectos da pandemia na sociedade e na economía”.

O Plan de Impulso da Economía da Provincia está dotado con 7M€, o 8% do Orzamento da Deputación. Este plan combina a inxección directa de recursos económicos con programas para a creación de valor engadido e a xeración dun efecto multiplicador na economía promovendo unha recuperación do tecido produtivo sostible no tempo, estable e eficaz. Conta con 10 medidas de apoio que contribúen a paliar o impacto da pandemia.

deputacion conece a tua provincia
0.15125799179077