A Deputación licita o contrato para a conservación de estradas nos próximos dous anos

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou licitar por un importe de máis de 3,5 millóns de euros a prestación do servizo de conservación e mantemento dos 4.
OBRAS DEPUTACION ESTRADAS BOVEDA POUTOMILLOS
18 Nov 2023

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou licitar por un importe de máis de 3,5 millóns de euros a prestación do servizo de conservación e mantemento dos 4.217 quilómetros que ten a rede viaria provincial, para os dous vindeiros anos 2024 e 2025.

Así o anunciou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen informou de que o contrato “está divido en 8 lotes, un por cada zona da rede viaria provincial, co obxectivo de poder actuar dun xeito máis áxil e eficaz”, tendo en conta, subliñou, que “a de Lugo é a Deputación de España con máis quilómetros de estradas, e que multiplica por tres a rede da propia Xunta de Galicia”.

Inclúense tarefas de acondicionamento, así como a atención de emerxencias, causas sobrevidas e consecuencias provocadas polas inclemencias meteorolóxicas nas vías.

Na Xunta de Goberno tamén saíron adiante dous novos contratos para o subministración de material para o Parque Móbil da Deputación que suman, en conxunto, un importe superior ao millón de euros. Trátase, por un lado, da adquisición de emulsión asfáltica, por unha contía de case 720.000 euros, estimada en base a un consumo de 1.250 toneladas semestrais a un prezo de 574 euros por tonelada, e prorrogable por outros 6 meses. Por outra banda, a Deputación licita por preto de 380.000 euros a compra de áridos de rego asfáltico con zahorra artificial, necesario para realizar os traballos de acondicionamento nas estradas provinciais e municipais.

A voceira socialista do Goberno anunciou ademais a licitación de obras de mellora na estrada provincial LU-P-0901, a vía que comunica as parroquias de San Juan de Tor con Martín, ao seu paso polos concellos de Monforte e Bóveda, cun investimento de máis de 132.500 euros. O proxecto ten un prazo de execución de 3 meses e afecta a un tramo de dous quilómetros e medio, entre o punto quilométrico 8,319 e o 10,709. A actuación consistirá na reapertura de cunetas, a pavimentación con aglomerado en quente, e a sinalización horizontal e vertical.

Aprobouse tamén o orzamento definitivo, por unha contía de 150.000 euros, para as obras de emerxencia necesarias para arranxar os danos provocados polos temporais nas últimas semanas en dous puntos do cinto comarcal, á altura dos concellos do Corgo e de Guntín. No caso de Guntín, as obras xa están finalizadas, e con respecto ás do Corgo comezarán a vindeira semana, segundo detallou Pilar García Porto.

O conxunto desta serie de investimentos aprobados hoxe pola Xunta de Goberno suman un total de 4,8 millóns de euros para seguir mellorando a mobilidade na provincia, que é precisamente, destacou a voceira Socialista, “unha das liñas de actuación prioritarias que mantemos no Goberno provincial e así seguirá sendo, tal e como xa expuxo no Parlamento de Galicia o Presidente da Deputación na súa comparecencia para presentar as liñas estratéxicas do Orzamentos desta institución para o ano 2024”.

Axudas a 21 asociacións de 13 concellos

Tamén na Xunta de Goberno aprobouse o último trámite administrativo que resta para pagar a 21 asociacións de 13 concellos da provincia axudas económicas que suman un total de 115.000 euros, beneficiarias do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios que impulsa a Deputación.

“Gracias a estas axudas, as entidades asociativas puideron acometer diferentes actuacións, como melloras en locais sociais, na traída de auga, o acondicionamento de camiños, instalacións eléctricas, ou a rehabilitación de escolas veciñais”, detallou García Porto.

En total, 54 colectivos beneficiáronse do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, ao que a institución provincial destinou un orzamento de 300.000 euros coa finalidade de mellorar a calidade de vida e benestar dos veciños e veciñas do rural.

0.13831806182861