A Deputación prepara os orzamentos para o próximo ano

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
José Tomé avanzou que o seu obxectivo é ter aprobados os presupostos antes de que remate este ano para telos en vigor en xaneiro.
Pazo San Marcos Lugo
28 Aug 2021

José Tomé avanzou que o seu obxectivo é ter aprobados os presupostos antes de que remate este ano para telos en vigor en xaneiro, tal e como xa se fixo nos dous anos que leva á fronte do Goberno provincial. “Seguiremos colaborando cos concellos como ata o de agora, algo que demostramos durante a pandemia, cando nos anticipamos ás súas necesidades facéndolles chegar anticipos de fondos económicos”.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, avanzou este venres que a elaboración dos Orzamentos 2022 é unha das prioridades do novo curso político do Goberno provincial. Así o adiantou en rolda de prensa a preguntas dos xornalistas logo da Xunta de Goberno.

“Nos dous anos que levamos gobernando sempre conseguimos sacar adiante os presupostos dentro da anualidade anterior para telos en vigor en xaneiro. Este ano tamén o faremos así e traballaremos para poder aprobalos antes de que remate o ano porque os orzamentos son o documento que fixa as actuacións que seguirá o Goberno no ano seguinte”, recalcou o mandatario provincial.

Tomé Roca dixo que o Goberno seguirá colaborando cos concellos. “É unha das nosas liñas de acción prioritarias como Deputación, e así o demostramos nesta pandemia coas nosas políticas e decisións, adiantándonos en moitas ocasións ás súas necesidades, como foi o feito de facerlles chegar con antelación os fondos económicos dos impostos, por exemplo, e dando soporte a aquelas necesidades que teñan”, explicou.

O mandatario provincial dixo que na folla de ruta do Goberno tamén está “seguir co Plan de Impulso da Economía da Provincia, desenvolvendo novos programas e iniciativas que axuden aos sectores produtivos máis afectados polas restricións da pandemia, e tamén seguir con outros novos programas que temos en marcha”.

Servizos sociais

Ademais, o Presidente situou os servizos sociais e a atención sociosanitaria como un dos principais obxectivos nos que continuar traballando no novo curso político. “No que queda de ano teremos dous novos Centros de Atención a Maiores abertos, en setembro o de Meira e a finais de ano o de Navia de Suarna”, anticipou.

Sinatura do contrato da residencia de Portomarín

Neste sentido, José Tomé tamén avanzou que a Deputación convocou o próximo xoves á empresa adxudicataria das obras de construción da residencia de Portomarín para asinar o contrato, “dentro dos compromisos que temos adquirido cos lucenses para seguir acercando os servizos públicos ó rural, e dentro dun dos piares do Goberno da Deputación, como son os servizos sociais”.

A Deputación de Lugo ten en funcionamento a día de hoxe seis centros de atención a maiores, abertos en Trabada, Pol, Ribadeo, A Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita do Cebreiro.

0.13026189804077